FARÁ PARTE DUNHA MOSTRA NO GAIÁS

A Biblia Kennicott regresa á Galiza 500 anos despois

A Biblia Kennicott regresa á Galiza 500 anos despois
Detalle da Biblia Kennicott. Foto: Xunta.
Detalle da Biblia Kennicott. Foto: Xunta.  
O colofón da Biblia Kennicott estampouse o 24 de xullo de 1476 na Coruña. Ese día un importante comerciante xudeu, Isaac, fillo de Salomón de Braga, recolleu o seu encargo, unha das alfaias da ilustración medieval e, segundo a Xunta, “un dos manuscritos hebreos máis valiosos e fermosos do mundo”. Cincocentos anos despois regresa á Galiza dentro da exposición Galiza, un relato no mundo.

biblia kennicott 3A Biblia Kennicott saíu do país entre 1492 e 1493. A familia xudía que a posuía escapaban do decreto de expulsión dos xudeus dos Reis Católicos. “O libro seguiu un azaroso camiño por Portugal, o norte de África e Xibraltar. Durante 300 anos estivo desaparecido”, explica o Goberno galego nunha nota emitida esta segunda feira, 4 de novembro, “en 1771, Benjamin Kennicott, bibliotecario da da Biblioteca Radcliffe na Universidade de Oxford, xestionou a súa adquisición. En 1872 foi transferido á Biblioteca Bodleian, da mesma universidade, onde continúa”.

A Biblia Kennicott instalouse este 4 de novembro na Cidade da Cultura. Será unha das pezas principais da mostra Galiza no mundo, organizada pola Consellaría de Cultura e comisariada polo profesor e escritor Manuel Gago. Inaugurarase o 15 de novembro e nela poderanse ver “máis de 300 obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo”.

A Santa de Francisco Asorey, o Libro das Invasións, o Itinerario de Exeria, o Cancioneiro da Vaticana ou dúas versións do Códice Calixtino son algunhas das pezas que salienta o Goberno galego de entre as recollidas na iniciativa. Varias dela visitarán por primeira vez en moito tempo o país do que xurdiron.