CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Un blockbuster de autor

Un blockbuster de autor
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

JURASSIC WORLD: O REINO CAÍDO

Jurassic World: Fallen Kingdom

(EUA 2018, 128 min.)

Dirección: J.A. Bayona

Guión: Derek Connolly e Colin Trevorrow

Fotografía: Óscar Faura

Música: Michael Giacchino

Elenco: Bryce Dallas Howard, Chris Pratt, Rafe Spall, James Cromwell, Toby Jones, Geraldine Chaplin, Ted Levine, Isabella Sermon, Justice Smith, Daniella Pineda, BD Wong, Jeff Goldblum

 

SINOPSE

O volcán da Illa Nublar está en erupción. Os dinosauros están novamente en perigo de extinción. Unha expedición dedicada á protección e preservación de dinosauros tratará de rescatar o máximo número de exemplares.

 

CRÍTICA

Entrar na industria de Hollywood adoita ser un arma de dobre fío, e máis con xóvenes directores e directoras, habitualmente de fóra, que pensan que se van comer o mundo e, case sempre, saen escaldados... ou fagocitados. Podía pasarlle perfectamente a J.A. Bayona co encargo de realizar unha secuela-do-reboot-secuela da saga xurásica iniciada por Steven Spielberg, pero non só sae airoso, senón que tamén sae reforzado na súa traxectoria profesional e afianzado para, se quere, quedar en Hollywood.

 

Jurassic World: o reino caído supón a súa cuarta longametraxe após O orfanato, O imposíbel e Un monstro vénme ver. Spielberg exerce de novo de produtor executivo xunto Frank Marshall (Regreso ao futuro, Os Goonies) ao que se lles une Colin Trevorrow (director do filme precedente) e Belén Atienza (produtora habitual de Bayona). Bayona “cede” ante o que se espera dunha franquía destas características, mais só no primeiro cuarto e tamén o tramo final, que parece imposto pola produtora. Entremedias logra impregnar da súa recoñecíbel pegada entre o lacrimóxeno e o espectacular. Na vida pensaría estar a piques de soltar unha lagrimiña cun filme de Jurassic Park (ou World) pero con Bayona todo é posíbel...

 

O primeiro cuarto é unha sorte de popurrí dos filmes precedentes (e tamén algo de King Kong). Para resumir un pouco: a illa Nublar está a piques de irse ao carallo. Un volcán, en erupción inminente, ameaza con extinguir (outra vez) os dinosauros des-extintos pola enxeñería xenética. Resulta que hai unha Protectora de Dinosauros que loita polos dereitos dos mesmos que, para máis inri, está dirixida por Claire Dearing (Bryce Dallas Howard), antiga xerente de Jurassic World. Un vello ricachón (James Cromwell), que non escatima en gastos, encárgalle ir á illa rescatar o maior número de exemplares nunha operación “Arca de Noé”. Como semella que Claire non pode ir soa, convence Owen Grady (Chris Pratt), antigo adestrador de velocirraptores, para que lle axude na encomenda. Ah... e na tele sae Ian Malcolm (Jeff Goldblum) avisando dos perigos de salvar os dinosauros así que... que pode saír mal? Obviamente todo. Se non non hai peli...

 

Ata aquí todo soa un pouco a “xa visto” pero o que vén a continuación é puro J.A. Bayona. Non só porque conta de novo coa súa musa Geraldine Chaplin (Doutor Zhivago), senón pola sensibilidade co que afronta todo e tamén porque utiliza unha crianza como fío condutor da trama, coma nos filmes anteriores. Nesta ocasión a elixida é Isabella Sermon, que interpreta a neta do ricachón ecoloxista. Visto o ollo que ten Bayona como cazatalentos infantís (lembremos que Tom Holland, un dos nenos de O imposíbel, é agora o flamante novo Spider-Man), probablemente volvamos escoitar falar desta rapaza nun futuro próximo.

 

Non falta tampouco o seu director de fotografía habitual (Óscar Faura), nin o seu montador de confianza (Bernat Vilaplana) nin tampouco unha banda sonora de luxo composta polo gañador dun Óscar (por Up) Michael Giacchino. Por suposto todo aderezado cuns efectos especiais de última xeración da man de Industrias Light and Magic que mesturan, con moito xeito, pantalla verde (CGI) con híper realistas animatronics. Con todo este material Bayona consegue algo insólito: un blockbuster de autor e tamén o mellor filme da saga desde a primixenia Parque Xurásico.

 

Ah, e tamén hai escenas post-créditos. Así que... se non es das persoas que quedan ao final para escoitar a banda sonora ou como mostra de respecto cara toda esa xente que traballou no filme... deberías quedar. Pero non por esa escena en concreto (que a verdade é unha verdadeira parvada), senón para que te vaias acostumando desde xa a quedar ata o final dos títulos de crédito...



x