Aparece un poema descoñecido de Manuel María publicado por Camilo José Cela

Aparece un poema descoñecido de Manuel María publicado por Camilo José Cela
Manuel María
Manuel María  

O profesor de Ribadeo, Xesús Fernández Acevedo vén de publicar no seu blog un poema de Manuel María que non está recollido na súa Obra poética completa. Trátase dunha composición publicada en 1957 na revista Papeles de Son Armandáns, dirixida por Camilo José Cela. 


“Nunha ocasión, tiven oportunidade de ensinarllo ó propio Manuel María e confesoume que nin el mesmo o conservaba”, explica o profesor Xesús Fernández Acevedo no seu blog eltoupoquefuza, soporte que escolleu para publicar o poema do autor nado en Outeiro de Rei que ficaron fóra da súa Obra poética completa, publicada en dous volumes por Espiral Maior tres anos antes da súa morte, é dicir, coa supervisión do propio autor. 

“Ë moi probable que el mesmo revisase a edición e que o feito de deixar fóra algúns textos fose unha decisión persoal consciente”, apunta Fernández Acevedo mais, sen embargo, defende que a calidade do poema merece “saír do tobo no que está abandonado”. 

O poema saíu publicado nunha separata do número XI correspondente a febreiro de 1957 de Papeis de Son Armandáns, dirixida por Camilo José Cela en Palma de Mallorca. O exemplar que manexa o profesor de Ribadeo trátase do número 40 dunha tirada de tan só 50 exemplares. A publicación inclúe a tradución ao castelán asinada por M. T e autorizada polo propio autor. 

“O poema é un texto dirixido a unha moza que está lonxe, porque a bota de menos. Trátase, seguramente, de Saleta Goi, a quen coñecera en 1956 e coa que casaría no 59. A sensación de ausencia acentúase pola presenza do outono, unha estación á que Manuel María lle prestou bastante atención nas súas composicións, ata o punto de dar título a un libro, no cal non sabemos se está incluído o texto ó que nos referimos. Outono, distancia, soidade...”, explica Xesús Acevedo no seu blog.