FESTIVAL EN FISTERRA DO 28 AO 30 DE XUÑO

Blues global na fin do mundo

Blues global na fin do mundo
Rockin' Johnny Burgin. Foto: Wikipedia.
Rockin' Johnny Burgin. Foto: Wikipedia.  

O blues naceu nos Estados Unidos a inicios do século XX. Cruzamento de sonoridades africanas e europeas, sintetizado por afroamericanos sometidos a réxime de apartheid e semiescravatura, acabou como ingrediente principal do rock & roll. E estendeuse ao todo o mundo. O terceiro Fisterra Blues probarao do 28 ao 30 de xuño.


Porque á vila da Costa da Morte chegarán bandas e artistas que practican blues pero proceden de Estados Unidos, si, Illa Reunión, Galiza ou o doutras partes do Estado español. Baixo a dirección de Javier Turnes, o singular encontro é unha das máis importantes citas especializadas no xénero en Galiza.

Na letra máis ancha do cartaz atópase Rockin' Johnny Burgin, orixinario do berce da electrificación do blues: Chicago (EE UU). Acompañado en Fisterra da Quique Gómez Band, presentará o seu novo disco, Dos hombres!, título que remite ao clásico de ZZ Top Tres Hombres (1973). Comparte cabeceira con el un galego, Marcos Coll, líder de Los Reyes del KO ou The Mighty Calacas.

fisterra blues cartazOs cántabros DelTonos será outro prato forte, como o galego, de Ferrolterra, Víctor Aneiros. The Soul Jacket, vigueses, ofrecerán a súa mestura de soul, blues e ecos sureños; e Morgane Ji, de Illa Reunión, a tlavez máis insólita proposta do Fisterra Blues: “Místicas antergas e tecnoloxía moderna” a cargo dunha muller “con misteriosas raíces africanas, indias e asiáticas”.

A banda residente Fisterra House Band, os ferroláns Willy & Winnie, os composteláns Andhrea & the Black Cats e o dúo Zeltia completan a presenza galega.

Mais o festival vai alén dos concertos. Pasarrúas a cargo dos locais Rapacollóns e Blues na Escola para máis de 70 rapazas e rapaces son outras actividades asociadas ao Fisterra Blues. Haberá tamén un concerto “para toda a famiñia” de Ubuntu Blues. E antes de cada unha das actuacións haberá poesía, en concreto unha slam poética. “A idea é conectar a poética galega co blues por medio de lugares comúns como a nostalxia, a perda, o amor, a terra, a morriña. As poetas participantes serán David Creus, Estevo Creus, Suso Bahamonde, Álex López, Rosalía Fernández Rial, Elena Busto, Leo Kch e María Lado.

O Concello de Fisterra organiza o festival coa colaboración da deputación e o patrocinio de varias empresas privadas.