PUBLICA UN ENSAIO ENRAIZADO NO “PENSAMENTO DÉBIL”

Brais Arribas á procura doutros significados para o nihilismo

Brais Arribas á procura doutros significados para o nihilismo
O filósofo Brais Arribas. Foto: cedida.
O filósofo Brais Arribas. Foto: cedida.  
Existen outros nihilismos máis alá da abulia e o relativismo, a desorientación e a irresponsabilidade, o escepticismo extremo e a lei do máis forte que constrúen os usos convencionais do termo. A identificalos e propolos como vía práctica da filosofía dedica o profesor Brais Arribas (Huesca, 1980) o seu último libro, Vir a menos. Crítica da razón nihilista (Axóuxere, 2019). “Imos tentar rehabilitar na medida do posíbel a noción de nihilismo”, advirte na Introdución.

Vir a menos nace da súa tese de doutoramento e condensa, con vontade divulgadora e de intervención, as conclusións de anos de traballo. O seu principal apoio teórico é o italiano Gianni Vattimo (Turín, 1936), deseñador da idea de pensamento débil e cuxa obra deu un serodio e polémico xiro político. A el xa lle dedicara un volume monográfico, Outro xeito de ser (2010). “Agora quixen ampliar os aspectos da miña tese máis vinculados á praxe”, explica Arribas a Sermos Galiza, “e que servisen para reflexionar sobre o presente”.

vir a menos (cuberta) - brais arribasO que, de entrada, resultarían arduos problemas teóricos son, na ollada de Arribas, portas para unha filosofía “que axude a mudar un pouco a vida, que era a orixe primeira” da disciplina. “Debilitar os impulsos dominadores” do pensamento hexemónico, “positivista, historicista e desenvolvimentista” conforman os seus obxectivos confesos. E velaí o que considera necesidade dun “novo nihilismo”.

“O concepto sempre tivo certo atractivo teórico, co triunfo de Nietzsche e Heidegger. Mais había que resignificalo, escapar desa abulia apática, desa indiferenza que conduce á lei do máis forte”, afonda o pensador, “e usalo como ferramenta contra o relativismo insensíbel do nihilismo consumado e á racionalidade hexemónica”. A dimensión política da filosofía emerxe a cada páxina de Vir a menos.

O outro Vattimo
Na súa viaxe cara a un nihilismo alternativo, Arribas parte do Vattimo que, nos últimos tempos, centrou os seus labores na “concreción útil” das súas ideas. “Decatouse de que cuestións como debilitamento, ou redución, podían cadrar coa crítica ao capitalismo. Coincidiu nun tempo en que o decrecemento foi collendo forza”, sinala. O pensamento do italiano nacera ás súas singularidades na época do esboroamento do socialismo real. Adoito foi adscrito ás correntes que renunciaban a formular alternativas ao capitalismo liberal.

“É certo que foi así interpretado. Mais no século XXI abriuse a novas formulacións de democracia radical, para que os apartados e silenciados xurídica e politicamente pasasen facer parte da discusión pública”, expón Arribas, “a fortaleza do seu pensamento é a súa debilidade, que tamén conecta co feminismo ou o pensamento decolonial”. Sobre el constrúe Vir a menos, cuxa segunda parte “máis accesíbel” se interna nos problemas prácticos aos que debe facer fronte a “racionalidade débil” que defende.

Con ela quere cuestionar o pensamento dominante e os seus “grandes principios vertebradores”: a cousificación da realidade, a confianza absoluta na razón positiva, o mito do progreso liñal, o antropocentrismo e colonialismo eurocéntrico ou o crecemento económico ilimitado. É un territorio en boa parte compartido traballa o ecosocialismo, do que o propio Arribas se amosa próximo. Cita o brasileiro francés Michel Löwy ou on francés Daniel Bensaïd, pensador do marxismo aberto, heterodoxo, revolucionario.

“Bensaïd propuña un Marx intempestivo, destraumatizado”, afirma, “porque Marx era un pensador procesual, sempre ligado ao seu tempo. O pensamento forte [contra o que dirixe o seu Vir a menos] non é ese, senón o das esencias, atado a regras inmutábeis, a unha verdade algorítmica. O ecosocialismo, pola contra, ábrese á alteridade, á natureza, a unha crítica antropocéntrica moi interesante”.

Vir a menos. Crítica da razón nihilista preséntase o 17 de outubro na libraría Numax, de Santiago de Compostela. No acto participarán o autor, a escritora e responsábel do limiar Teresa Moure e mais o editor Roberto Abuín.