O FESTIVAL DE CURTAS ENCHE DE CINEMA A VILA DO MORRAZO

Bueu: 128 filmes, 70 estreas

Bueu: 128 filmes, 70 estreas
Fotograma de 'Acadamia', filme canadiano que participa no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu dentro da sección Experimental. Imaxe: FIC Bueu.
Fotograma de 'Acadamia', filme canadiano que participa no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu dentro da sección Experimental. Imaxe: FIC Bueu.  
Entre o 6 e o 14 de setembro o cinema mandará en Bueu. Nada menos ca 128 filmes, 70 dos cales son estreas en Galiza, e 65 actvidades conforman o programa a décimo segunda edición do Festival Internacional de Curtametraxes da vila do Morrazo

O seu director Manuel Pena salientou na presentación insitucional da cita o “enorme impacto cultural na contorna”. Para sintetizalo falou das 70 estreas galegas e das 30 estatais, “o que amosa a dimensión que ocupa o festival dentro da industria cinematográfica”. Mais non só falou do punto de vista industrial: “Aquí o público pode achegarse a obras doutro xeito inaccesíbeis”.

As cifras da edición número 12 do festival de Bueu supoñen un récord na historia do certame. Que inclúe ademais outras novidade. Ás catro seccións habituais -Galicia R, España, Internacional e Panorama- e ás destinadas a audiencia mái moza, súmanse nesta ocasión outras dúas: Experimental e Nouvelle Vague. Galicia R proxectará as últimas pezas de Arancha Brandón, Khris Cembe, Pedro Sancho, David Fidalgo, Martín Romero e Álvaro Gago. O cineasta Xacio Baño, autor da celebrada Trote (2018), ou o actor Luís Zahera, que recentemente recibiu un Goya e desta volta recollerá o premio Cinema Galego do encontro, ofrecerán charlas.

Polos espazos radiofónicos asociados ao festival pasarán o cineasta Paco Plaza ou as actrices Uxía Blanco, Mabel Rivera ou María Vázquez, ademais dunha ducia de actuacións musicais. Nas actividades paralelas están o Mercado de Curtametraxes, a Ruta de Tapas 5 Estrelas ou o Mini FIC, dirixido á rapazada.

No mesmo acto de presentación, o alcalde de Bueu Félix Juncal lembrou como o festival “está medrando a carón da man da xente, da súa masiva asistencia, da capacidade de innovar e de organizar que demostra cada ano”. E o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, oufanouse do “momento brillante do sector audiovisual galego”.

Agadic é, co concello e a Deputación de Pontevedra, un dos patrocinadores do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que organiza a asociación do mesmo nome. No seu web (www.ficbueu.com) pódese consultar a programación completa.