Camilo Franco deixa “La Voz de Galicia”

Camilo Franco deixa “La Voz de Galicia”

Xornalista cultural de referencia, crítico teatral e escritor, Camilo Franco deixa o xornal La Voz de Galicia do que facía parte da redacción desde hai case tres décadas. O xornalista entrara moi novo na redacción do xornal e era xa un dos de máis antigüidade na empresa. 


A saída de Camilo Franco da redacción do xornal de Sabón produciu hoxe conmoción no mundo da cultura, para o que desde hai décadas é un xornalista respectado e coñecido. Delegado en Arousa, Camilo trasladouse a Compostela para desenvolver o seu labor na área de Cultura na que se convertera nunha voz de referencia, en especial, en artes plásticas en primeiro lugar e despois en teatro. 

Narrador de obras como A lúa no cenit e outros textos (Ediciós do Castro, 1988), En malos pasos (Xerais, 1995) ou Palabras contadas, Camilo Franco ten participado tamén en obras colectivas tanto de narrativa como ensaio ou investigación así como libros de viaxes asinados canda o tamén escritor de Ourense Francisco Fernández Naval. Co gallo do Día das Letras Galegas para Vidal Bolaño, Franco publicou o libro Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño. 

Camilo Franco destacou no xornalismo cultural facéndose eco xa da emerxencia cultural producida nos anos oitenta e era coñecedor das tendencias artísticas e creativas do momento. Despois dunha etapa na que se significou como crítico e estudoso das artes plásticas contemporáneas, aos poucos foise convertendo nun crítico “atrevido” no mundo das artes escénicas, dos poucos de pluma afiada que tanto consagraba unha obra como botaba lume sobre a súa calidade. Como crítico teatral ofrece tamén a súa colaboración semanal no programa Diario Cultural da Radio Galega dirixido por Ana Romaní. 

O xornalista é pioneiro tamén no emprego da rede para a elaboración de proxectos literarios e, desta maneira, da súa man naceu Por conto Alleo cando estaba a piques de rematar o milenio, unha obra publicada a través do diario dixital Vieiros na que o escritor compuña diariamente un conto a partir das palabras que os internautas remitían. A partir de fotografías naceu Necesariamente X. A razón máis quente, unha obra erótico-pornográfica colectiva. O último dos xogos literarios do que é autor aconteceu na edición do Culturgal do pasado ano. 

Camilo Franco informou do seu abandono da Voz a través do seu facebook e, de inmediato, coñecidas figuras do mundo cultural e xornalístico se apuraron a lamentar a marcha dun xornalista que era quen mantiña a presenza da cultura galega nas páxinas do xornal de Sabón.