Unha campaña pide que o Día das Letras Galegas de 2021 sexa para Ánxel Casal

Unha campaña pide que o Día das Letras Galegas de 2021 sexa para Ánxel Casal

É un dos propósitos de traballo da asociación que leva o nome do editor e político nacionalista. A Asociación Cultural Ánxel Casal vén de renacer en Arzúa coa vista posta en 2020, 125 aniversario do nacemento do que fora alcalde de Compostela.


“Ánxel Casal fixo por Galiza máis que todos nós”. A coñecida frase de Castelao sobre o seu amigo, irmán de militancia, editor e alcalde de Compostela resume como ningunha outra o peso e importancia para Galiza deste galeguista nado na Coruña en 1895 e asasinado en Cacheiras (Teo) en agosto de 1936.

Vén de renacer en Arzúa a Asociación Cultural Ánxel Casal, que a finais da pasada semana acordou consolidar a refundación deste colectivo. Nesta xuntanza aberta, as e os presentes decidiron relanzar as súas actividades sociais e culturais e darlle un novo pulo á asociación coa perspectiva posta no 125 aniversario do nacemento Casal en 2020.

Letras Galegas 2021 para Ánxel Casal

Entre as cuestións tratadas, a asemblea da Asociación Ánxel Casal acordou levar adiante a realización da proposta de dedicarlle as Letras Galegas 2021 a Ánxel Casal, sendo que en 2020 faise o 125 aniversario do seu nacemento. Así, a asociación anuncia que porá en marcha unha campaña baixo o lema Ánxel Casal, 125 anos con nós  que pretende incorporar o maior número posíbel de entidades sociais e culturais do país para a difusión e promoción da figura de Ánxel Casal por toda Galiza, coa fin de acadar o recoñecemento á súa figura para as Letras Galegas 2021.

Celso Alberte Magariños, novo presidente desta asociación, manifestou que “Casal conseguiu animar e aglutinar todos os artistas galegos da época nun proxecto común, a Editorial Nós. Sen unha figura como a de Casal, que editou centos de obras de autores galegos da época, non se entendería a literatura galega moderna”.

A nova xunta directiva estará conformada por: Celso Alberte Magariños Costas (presidente), Jorge Gómez Vázquez (vicepresidente), Lidya Castro Gabete (tesoureira),  Denís Bermúdez Delgado (secretario) e como vocais Iria Carreira Pazos, Paula Rodríguez Parrado, Aldara Gómez Sánchez e Moisés Suárez Abel