Solicitan a declaración de BIC para salvar catro pontes medievais de Sarria

Solicitan a declaración de BIC para salvar catro pontes medievais de Sarria
Ponte Ribeira
Ponte Ribeira  

O proxecto de reurbanización do entorno do río que a Confederación  Hidrográfica Miño-Sil está a executar en Sarria fai perigar as catro pontes medievais da localidade, un conxunto único para o que unha campaña cidadá está a reclamar a declaración de BIC. Denuncian ademais que as obras non están a respectar o entorno de protección do Camiño de Santiago, do que forma parte a Ponte Ribeira. 


As obras que se están a acometer en Sarria no proxecto da Confederación Hidrográfica Miño-Sil mais o Concello no entorno do río poñen en perigo un conxunto monumental único formado polas catro pontes medievais da localidade. Unha iniciativa promovida pola Asociación Arcas e Estudos Sarriaos “Francisco Vázquez Saco” entregou xa as primeiras sinaturas recollidas coas que se solicita á Consellaría de Cultura a cualificación de Ben de Interese Cultural para o conxunto monumental medieval de Sarria. 

A solicitude rexistrouse no Concello de Sarria con destino á Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, o propio goberno municipal e todos os grupos políticos representados na entidade local ademais de remitilo tamén á Deputación de Lugo. A campaña sumará semanalmente as sinaturas que se recollan co fin de preservar o patrimonio monumental do concello, ameazado polas obras. 

As pontes de orixe medieval para as que se pide a protección como Ben de Interese Cultural son a  Ponte Ribeira no río Sarria e Camiño de Castela, pola que atravesa o Camiño de Santiago, a Ponte Vella no río Sarria e Camiño de Aranza, a Ponte Vella do Mazadoiro no río Celeiro e Camiño de Lugo e a Ponte da Áspera, no río Celeiro e Camiño de Portomarín. 

A Ponte Ribeira, Camiño de Santiago

O proxecto que se está a realizar no entorno do río coa forte oposición veciñal afecta de maneira especial á Ponte Ribeira, e á Ponte de Mazadoiro, que queren trasladar pedra a pedra. “Do proxecto inicial agora anunciaron un proxecto novo que non deixa de ser a primeira fase do anterior. Nós quixemos incluír as catro pontes porque, segundo a ide inicial, estarían ameazadas polas obras”, explica Carolina Casal de Estudos Sarriaos. Na fase que se está executando vense directamente afectas a Ponte do Toleiro con piares do século XIX,  a ponte de Calvo Sotelo, con laterais do XIX e a avenida Castelao. 

“A que máis preocupación nos ocasiona pola desfeita patrimonial que pode supor é a Ponte Ribeira que está afectada xa nesta fase de execución de obra e forma parte do Camiño de Santiago. Resúltanos incríbel que, tratándose a ruta histórica de BIC podan actuar non só non respectando os 500 metros nos que a lei impide calquera modificación senón no propio tramo do Camiño”, denuncia Carolina Casal, investigadora que destaca a singularidade de contar Sarria con catro pontes medievais, debido, con toda posibilidade á vontade de cobrar o dereito de paso e portazgo a mercancías de peregrinos por parte da Igrexa, o poder do rei e a casa de Lemos. 

No caso de que a solicitude de declaración de BIC fose admitida a trámite a lei obrigaría á paralización das obras até que se resolvese o expediente. De todas maneiras, aclaran que Ponte Ribeira é BIC xa por ser Camiño de Santiago, razón que xa obrigaría a protexer os cincocentos metros nos seus arredores, distancia nas que se atoparían, entre outras, a Ponte do Toleiro e a de Calvo Sotelo e Castelao así como a arboreda afectada. 

Destacan no escrito remitido ás institucións e que foi tamén rexistrado con destino á Dirección Xeral de Patrimonio, que o conxunto monumental formado polas catro pontes medievais non recibe a protección precisa nin os coidados esixíbeis, cando polo seu valor histórico e artístico sería merecente da cualificación como Ben de Interese Cultural.