ISABEL SOTO E XAVIER SENÍN TRADUCEN 'A PESTE'

Camus e as ratas mortas que inzan a cidade

Camus e as ratas mortas que inzan a cidade
O escritor francés Albert Camus. Foto: cedida.
O escritor francés Albert Camus. Foto: cedida.  

A potencia da súa parábola trascendeu o mundo das letras. Publicada por volta da Segunda Guerra Mundial, A peste converteuse nun compás moral, un aviso, “alegoría de corte existencialista” e novela da asfixia. Isabel Soto e Xavier Senín presentan agora a versión galega dunha das obras cimeira de Albert Camus.
 


As ratas mortas inzan Orán, na costa alxeriana daquela baixo mando colonial francés. Os cadáveres dos animais propagan certa estraña enfermidade. As autoridades tardan en admitir o que sucede e cando o fan, deciden poñer a cidade en corentena. “Os singulares acontecementos que constitúen o argumento desta crónica producíronse en 194... en Orán”, comeza, “consonte a opinión xeral, estaban fóra de lugar e saíron un pouco do ordinario”.

O illamento consecuencia da opción administrativa, sinala a editorial Hugin e Munin -encargada da publicación-, “fai agromar nos seres humanos traxedias a diversa escala: a soidade, o absurdo da existencia, a esquizofrenia relixiosa, a submisión, a arte, a solidariedade, a indefensión ante a xustuza e a Administración, a manipulación informativa...”.

a peste en galego - cuberta

A peste ocupou, desde a súa primeira edición en 1947, posición central no canon de Albert Camus (Mondovi, Alxeria, 1913 – Villeblevin, Francia, 1960). A pegada da súa metáfora, ese certo aire distópico que a percorre, está presente no traballo de, por caso, José Saramago. “Camus adopta a perspectiva dun cronista neutro para recrear unha atmosfera abafante, e faino primando as ideas”, engade a nota da editora.

A figura de Camus atravesou fulgurante a primeira metade do século XX. Como escritor, como militante, como pensador. Achegado a posicións comunistas -militou brevemente no PCF-, as súas teses ambiguas sobre a colonización de Alxeria afastárono de amplos sectores da esquerda. Simpatizante de anarquistas e POUM na Guerra Civil española, escribiu algúns dos ensaios literarios máis lidos do existencialismo.

Os Camus galegos


A peste na tradución de Soto e Senín súmase á media ducia de Camus en galego existentes, algúns dispoñíbeis e outros fóra de catálogo. Este último é o caso de O estranxeiro, orixinal de 1942, e para os consensos críticos actuais a súa obra mestra. Emblema existencialista, Valentín Arias traduciuna e Edicións do Cumio publicouna en 1992. Tampouco é habitual atopar nas librarías a versión que María Dolores Cabrera fixo de A caída (1956) e que no 89 editou Xerais.

Outro Camus galego foi o que dispuxo en 1985 Xosé Manuel Beiras e sacaron os Cadernos da Escola Dramática Galega: Os xustos. A Beiras débenselle tamén as Cartas a un amigo alemán (1948), que traducira hai décadas e agora saen corrixidas en Trifolium. É unha reflexión moral lúcida, un enfrontamento dialéctico contra un partidario do nazismo.

Finalmente a novelista e profesora da Escola de Arte Dramática de Vigo Inma López Silva verque ao galego as obras de teatro Calígula e O Malentendido, que Galaxia editou nun só volume en 2009.



x