CRÓNICA DO CASTAÑAZO ROCK

Cando a música fai que esquezas o frío

Cando a música fai que esquezas o frío
Un momento do concerto de Desakato
Un momento do concerto de Desakato  

No Concello de Chantada hai case unha vaca por habitante (7.966 cabezas de gando e 8.731 persoas no ano 2017). Porén, esta pasada fin de semana os bovinos estiveron en desvantaxe. Máis de 5.000 persoas tomaron as rúas da vila con motivo do Castañazo Rock. Durante dous días o Mercado Gandeiro vibrou a ritmo de rock, ska, punk e hip hop, consolidando así a cita como un imprescindíbel do outono galego. 

 


O tempo foi piadoso e a choiva non se deixou ver até a mañá do domingo. Algo peor levouse o frío. Calquera diría que unha está tola por acampar en novembro nun pavillón. Pero con 21 anos e un cartel coma ese o corpo aguanta todo.

La Otra foi a encargada de abrir o festival. As oito da tarde, unha hora difícil. Moita xente aínda está a chegar. Malia todo, a cantautora madrileña, acompañada de Las Locas del Co, soubo arrincar máis dun baile ao público cos seus ritmos de guitarra e letras reivindicativas. E por se quedaba alguén con pouco espírito, deseguida chegou Desakato para espertar a xente a base de punk rock.

Logo foi o tempo de Lágrimas de Sangre. Coido que ese foi o momento que moitas eliximos para facer parada técnica na tenda. De ter un punto lila e unha campaña contra as agresións e invitar grupos con presuntos agresores xa falaremos outro día. Os italianos Talco, cabeza internacional de cartel e habituais da escena festivaleira galega, comezaban pasada a media noite. Todo o recinto rendeuse ante himnos como Danza dell’autumno rosa ou Bella Ciao. A canción partisana colleu fama recentemente por saír nunha serie de TV española, mais a banda de Venecia é xa vella coñecida do tema.

Calquera diría que unha está tola por acampar en novembro nun pavillón. Pero con 21 anos e un cartel coma ese o corpo aguanta todo.

Os pogos non pararon xa que logo viñeron Mafalda e Rebelióm do Inframundo. Dous grandes que souberon manter o ambiente até metérmonos nas 5 da mañá.

Ao día seguinte o sol luciu forte. Foi moi de agradecer á tardiña, cando os cantos de taberna acenderon os bares da cidade. Con este ambiente de festa, Boikot e Smoking Souls non tiveron problema en comezar a noite do sábado.

Castanhazo

As camisetas entre o público deixaban entrever que Zoo era dos máis esperados. Así, os de Valencia deron un dos concertos da noite, acompañados de Jazz Woman. A calor que evocaban temas como Estiu contaxiouse entre o público.

No entanto, se unha letra encaixaba todavía máis era esa que di “tractorada en Chantada, cun frío que nin dios”. Os galegos Dakidarría enfilaron a madrugada lembrando que o festival facía 16 anos e eles, 15. Tras eles, N.O.H.A e Raiba, dando peche a unha noite chea de enerxía e moito amor polo xénero. Terminaba a música, mais non a festa.

O Castañazo Rock non termina até que todas marchamos con resaca ao día seguinte. Porén, marchamos cunha data marcada nas nosas axendas. Novembro de 2019. Agardando con ansias a próxima cita.

Nota: as fotos están tiradas do FB da organización.



x