ENTREVISTAMOS ARANTZA ALFAIA, DE HABELAS HAINAS

"As cantantes son máis visíbeis, pero instrumentistas non hai moitas"

"As cantantes son máis visíbeis, pero instrumentistas non hai moitas"
[Foto: Habelas Hainas] As catro integrantes de Habelas Hainas
[Foto: Habelas Hainas] As catro integrantes de Habelas Hainas  

Habelas Hainas escríbese con H, a letra do silencio, do mutismo das mulleres que soan. As catro integrantes da banda lanzaban en 2017 o seu primeiro disco, Livres e Loucas, despois de sete anos nos escenarios. Entrevistamos a percusionista Arantza Alfaia, que nos fala da evolución do proxecto e a situación da muller na música tradicional.


Após unha longa traxectoria de música ao vivo, Habelas Hainas presentaba en 2017 o disco Livres e Loucas. Trece temas de música tradicional traída aos nosos días, nos que a temática feminista aparece case como unha exixencia. O seu poderoso directo estará este sábado en Allariz, facendo parte da programación do Poemagosto - Sermos Galiza sorteou un boleto dobre para este festival, sendo gañadora Luisa Méndez Castro- Conversamos con Arantza Alfaia (tamboril, bombo, darbuka e caixa flamenca) sobre a traxectoria do grupo e a necesidade e futuro dun proxecto no que a acompañan Jara Ortiz (bombo, pandeireta e crótalos árabes), Patricia Gamallo (gaita, adufes e guitarra) e Sandra Tamayo (acordeón, gaita e pandeiro).

Este verán estiveron en Pardiñas, na Festa da Historia, en San Simón... e até no Festival Intercéltico de Lorient. Foi un ano máis intenso do habitual?

Máis ou menos, si. Para todo o tempo que levamos, este ano foi bastante bo. Especialmente polo festival de Pardiñas, que para nós sempre foi moi importante como público. Tocar alí outra vez no corenta aniversario foi marabilloso, tamén porque non había moita presenza de grupos de mulleres e por iso, en parte, nos chamaron.

O Poemagosto, aínda que inclúe música, é fundamentalmente un festival de poesía. É esta hibridación un formato co que se senten cómodas?

Si. De feito, temos traballado moito con recitais de poesía. Nos nosos espectáculos ás veces hai moita poesía polo medio, botamos man de amigas poetas e aproveitamos para dalas a coñecer. O Poemagosto sempre tivo música tamén, non foi só de poesía, aínda que é a primeira vez que imos, nesta sexta edición.

Actualmente gravar un disco tampouco é algo fácil nin accesíbel para a maioría de nós

O grupo formouse en 2010, mais Livres e loucas non viu a luz até 2017. Por que demoraron 10 anos en sacar disco?

O certo é que imos un pouco ao revés. Fixemos un traballo desde o 2010 até agora. Despois de tocar en moitos festivais, gravamos o disco para pechar unha etapa e deixala reflectida.  Actualmente gravar un disco tampouco é algo fácil nin accesíbel para a maioría de nós. Ademais, o camiño foinos levando a plasmar un pouco o que levabamos facendo, fomo fluíndo, pois co paso do tempo os temas van mudando. Preferimos iso, non é o mesmo gravar sen rodar tanto as cancións no directo, porque logo vanche pedindo outras cousas. Agora estamos traballando xa para sacar outro proxecto adiante, a ver se para este ano novo que entra.

Comentaba a respecto do festival de Pardiñas que non había moitos grupos con presenza feminina. É un pouco esa a necesidade de Habelas Hainas?

Evidentemente, nós somos catro mulleres e sempre loitamos pola presenza feminina. Estamos no proxecto Irmandiñas, coas compañeiras Oîma, Sacha na Horta e The Tetas’ Van, e montamos unha verbena para visibilizar grupos nos que hai mulleres instumentistas, basicamente. As cantantes son máis visíbeis, pero instrumentistas non hai moitas. Aínda que cada vez máis, por fortuna.

Traballades sobre a música tradicional, mais recompondo e actualizando as letras. Por exemplo, coa “Camiña que vai ao Avante” de Media Calada.

A maioría do repertorio é tradicional, mais tamén hai composicións nosas, pero facendo unha criba, porque as recollidas reflicten outra realidade que non queremos seguir transmitindo, coplas machistas e todas estas cousas. Dentro dos cancioneiros hai miles de pezas, non temos por que escoller aquelas que poden ser ofensivas, cara a muller ou cara a outros colectivos. Nós pensamos que a música tradicional é algo vivo, que está en constante cambio ou debería estalo. Tamén é necesario un aspecto máis etnográfico, de querer representar certas cousas concretas, mais nós vivimos na música tradicional, por iso creamos sobre ela, como está facendo moita outra xente por aí.

Considerando a nosa experiencia persoal, desde cando comezamos até agora, certas mellorías si que notamos

E como valora a situación da muller neste eido do tradicional?

Cada vez hai máis grupos, vai mellorando a cousa. Nestes últimos anos está saíndo moita máis presenza de mulleres, quer na música tradicional quer noutros eidos. Considerando a nosa experiencia persoal, desde cando comezamos até agora, certas mellorías si que notamos. Porén, si que temos moitas anécdotas, por exemplo chegarmos a tocar a un sitio e que nos pregunten quen é o director do grupo. Unha vez até nos presentaron como “Los Habelas Hainas”. E tamén algunha vez os técnicos de son non nos tomaron demasiado en serio. Iso é o que acontece máis a miúdo, que non te toman en serio.

Por que reivindicar a tradición das meigas?

O das meigas, realmente, non é como un souvenir. Non é por isto de “habelas hainas, bruxas”. Ben, polas bruxas si que é, porque eran mulleres que eran intelixentes, que estaban copando campos que eran para os homes. Por iso dicimos Habelas Hainas, porque somos todas mulleres silenciadas e invisibilizadas, que foron e son xulgadas etc. As mulleres eran consideradas bruxas por estaren adiantadas ao seu tempo e ocuparen espazos reservados para os homes. Mulleres intelixentes, mulleres solteiras, mulleres libres... Por iso Habelas Hainas.  

As mulleres eran consideradas bruxas por estaren adiantadas ao seu tempo e ocuparen espazos reservados para os homes

Íalle preguntar por onde pasa o futuro do proxecto, mais xa me adiantou que haberá novo disco.

Si, estamos comezando con repertorio novo, tratando os temas que nos preocupan, que seguen na actualidade. E logo tamén dentro do noso novo proxecto, queremos dar voz a mulleres do noso país. Pero non che vou adiantar moito máis, prefiro deixalo aí.