MÚSICA

O Canteira Fest estréase en Vilaboa co feminismo e música como protagonistas

O Canteira Fest estréase en Vilaboa co feminismo e música como protagonistas
Presentación do Canteira Fest
Presentación do Canteira Fest  

Dá comezo este sábado en Vilaboa unha nova proposta musical cuxas protagonistas, nesta primeira edición, son as mulleres. Non perdas o Canteira Fest, con actividades para todos os públicos.


Este sábado, día 22, enceta na canteira de Paredes, no concello de Vilaboa, o Canteira Fest, unha nova proposta musical que se estrea cun atractivo cartaz centrado nas mulleres. De Vacas e The Tetas Van son o prato forte dunha xornada na que tamén actuarán Sheila Patricia, SonDaRúa, The Lelli Kellys e Migallas.

A música comeza no Canteira Fest ás 12 horas con Sheila Patricia. Ás 13.30 horas é a quenda de Os Meninos Grupo Especial Domingos con Encanto e ás 14.30 horas, jam session. Pola tarde, ás 16.30 horas haberá actividades para crianzas e ás 17 horas está programado un coloquio sobre a muller na cultura. Ás 18 horas haberá festa da escuma e un DJ e ás 20 horas actuarán Migallas.

The Tetas Van farán bailar as persoas asistentes a partir das 21.30 e De Vacas fará o propio ás 23 horas. Mais o festival non remata aquí! Á 1 horas actuará SonDaRúa e ás 3 horas The Lelli Kellys. E quen teña máis ganas de festa poderá gozar do DJ que actuará a partir das 04.45 horas.

O festival, con marcado carácter feminista e LGTBI, contará cun Punto Violeta contra as agresións sexistas; unha feira e postos de artesanía e comida.

Sermos feministas para avanzar

"Non atopamos outra forma de ser que ser feministas para avanzar nesta sociedade", aseguraba Clara Bells, unha das organizadoras, na presentación do festival, en que estiveron presentes o tamén membro da organización Daniel Acuña, a tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ataviados co "uniforme do festival", mandil e bata de cadros, en "homenaxe ás nosas nais e ás nosas avoas, e a esa Galiza matriarcal".

Xosé Leal puxo de manifesto que "este festival vai marcar tendencia porque vén demostrar que as pequenas vilas poden crear grandes citas, nun entorno recuperado como é a canteira de Paredes, e que fan reflexionar sobre a música en galego, sobre o papel da muller e sobre o ecoloxismo". O deputado nacionalista insistiu en que o Canteira Fest "é unha aposta no local que xorde da mocidade cun programa para todos os públicos, porque ademais da música contempla actividades infantís e palestras". Neste sentido, Leal afirmou "que un evento destas características sempre vai ter apoio da Deputación porque encaixa plenamente na nosa filosofía".

Pola súa banda, a tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández puxo a mirada no futuro, ao advertir de que "cremos que a edición deste sábado vai ser a primeira de moitas". Centrouse na importancia de que no concello haxa "un grupo de mozos e de mozas con ideas para dinamizar a cultura e a primeira grande idea que se materializa é o Canteira Fest". Ornela Fernández tamén vinculou o festival coa repercusión e o impacto económico que terá na vila en sectores como a hostalaría local e o pequeno comercio.