Cántigas da Terra, un coro galego máis

Cántigas da Terra, un coro galego máis
cantigas
cantigas  

Con este título o xornal A Nosa Terra, vencellado ás Irmandades da Fala, daba conta da estrea de Cántigas da Terra. O pasado domingo cumpríronse noventa e oito anos desta efeméride. Case un século despois, esta entidade segue a apostar por un folclore na nosa lingua.


O 12 de xullo de 1917 a programación do Teatro Rosalía da Coruña comezaba a trazar un novo camiño. Subían ao seu escenario unha trintena de mozos ataviados co traxe de gala das Mariñas co nobre propósito de amosar que a nosa música é tan rica e variada como a lingua de noso. Da dirección do coro encargábase o mestre Mauricio Farto Parra, brillante músico vallisoletano de ascencendia pontevedresa cunha inquebrantábel querencia pola cultura galega; da dirección artística, o polígrafo coruñés Leandro Carré; e da presidencia o insigne poeta do Ribeiro Eladio Rodríguez González.

"Este “fato de rapaces”, como tan agarimosamente os chamaba Don Eladio, non xurdiu ex nihilo, senón que axiña demostraron ter unhas raíces ben fondas na cultura do País"

Este “fato de rapaces”, como tan agarimosamente os chamaba Don Eladio, non xurdiu ex nihilo, senón que axiña demostraron ter unhas raíces ben fondas na cultura do País, velaí algúns deles:

Manuel Fernández Amor, o gaiteiro e posteriormente director do coro, tamén director de bandas e autor da música de coñecidos versos das nosas letras; Xerardo Roque Lagüela, o xornalista, tradutor, socio das Irmandades da Fala e de oficio prateiro que tivo a xenial idea de crear desde o seu comezo un Arquivo que hoxe é un dos máis importantes no seu xénero; Xoán Estrada e Venancio Deus, anos despois interpretaron papeis protagonistas na ópera O Mariscal; Xan Pena, o regueifeiro que trunfaba nas festas da Peregrina e que desafiou ao mesmo Vigueret; Federico García Expósito, o amigo das árbores e promotor do Parque de Santa Margarida.

Máis tamén había naquel inicio socios ben coñecidos na altura: Lugrís Freire, Iglesias Roura, Arturo Taracido, Casares Quiroga, Xulio Wonenburger, Xosé Avrillón, Canuto Berea Rodrigo... e nos anos seguintes destacados presidentes como Antón Vilar Ponte, Leandro Pita Romero, Ángel del Castillo ou Manuel Abelenda.

De certo, foi tal o éxito daquela estrea que repetiron unha semana despois co mesmo programa. E efectivamente concretizouse un cambio social e cultural na Cidade do Vento, pois Cántigas da Terra axiña se converteu nun coro mixto e promoveu festivais que decote facían rebordar o Teatro Rosalía de música, teatro, poesía, pintura e por suposto, ateigado até os ceos. Sempre na nosa lingua.

"Hai un século os coros galegos practicaban un canto monolingüe, cousa que moitas agrupacións folclóricas actuais non o fan".

Sexa este artigo un bocadiño cativo na historia dun xigante para a cultura galega. Para outro día fican, por exemplo, a relación de Cántigas con Catalunya (Cambó, Companys, Millet...), a visita do reitor da Universidade de Porto Leonardo Coimbra, o enterro de Manuel Murguía, a inauguración do monumento que o escultor Asorei lle adicou a Curros ou o nomeamento de Galiza como Nazón Celta nos albores do que logo sería o Festival de Lorient.

Como remate, permítase facer notar que hai un século os coros galegos practicaban un canto monolingüe, cousa que moitas agrupacións folclóricas actuais non o fan. É positivo lembrar aquelas verbas do xornal A Nosa Terra publicadas pouco despois da estrea:

Por meiazón distes coros, saberemos de Alalás, rianxeiras, montañesas, foliadas e outros cantos galegos que na cibdá descoñeciamos. Por meiazón d’iles, puidera sere –até o d’agora non foi- qu’ô tempo que van espertando o agarimo aos cantares enxebres, esperten tamén o agarimo á terra. 

Pra chegare a iso, é mester, perciso, fondamente perciso, qu’os rapaces que cantan nos coros, sexan tan galegos cando cantan ou representan coma cando non o fan. [...] 

(A Nosa Terra, 20 de xullo de 1917)