Cantos na Maré: abrir os ouvidos

Cantos na Maré: abrir os ouvidos
É un canto á biodiversidade cultural, unha aposta na apertura de lentes e o ouvidos. O festival Cantos na Maré fai 15 anos e reorienta propósitos. A construción dun “novo mapa emocional” de relacións para a música galega non é o menor deles. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza.

Chico César era xa en 2003 un dos expoñentes máis celebrados da renovación da Música Popular Brasileira (MPB). Con eses galóns ás costas, acompañado do guineano Manecas Costas ou da mozambicana Astra Haris, e nun escenario localizado –en plenas festas da Peregrina– na Ferreiría de Pontevedra, inaugurou o festival Cantos na Maré. Dezaseis anos despois, o encontro que celebra os lazos culturais entre Galiza e os países de fala portuguesa busca a apertura crítica e refuga a tentación da quietude. Do 13 ao 15 de setembro decorrerá a súa décimo quinta edición.

“O Cantos na Maré naceu cando coincidimos a parte artística, a promotora e a patrocinadora na necesidade de asentar un espazo de relación entre Galiza e a súa contorna máis próxima”, lembra para este semanario Vítor Belho, “os países de lingua galego‑portuguesa. Con matices: galego portugués como lingua vehicular, non orixinal”. A cantante Uxía, embaixadora da música galega en Portugal xa desde os tempos de Na Lúa, encargouse da dirección musical. O propio Belho, da produción, a través da súa empresa Nordesía. E o Concello de Pontevedra acolleu axiña a iniciativa.

m7_FS_CantosnamarePolo palco do Cantos na Maré, que despois daquel concerto fundacional na  Ferreiría trasladouse ao Pazo da Cultura, foron pasando voces míticas e revelacións inminentes, xigantes de extensa traxectoria e artistas subterráneos. Foi o caso do fado comprometido do histórico Carlos do Carmo, a MPB atravesada de blues de Lenine, ou o pop caboverdiano de Sara Tavares, tres fitos mencionados por Vítor Belho.

A teoría

Mais ao fondo de Cantos na Maré houbo sempre certa aposta case política: a preservación da biodiversidade musical, a creación de espazos de resistencia á hexemonía anglosaxona na música popular. Na edición de 2018, expón Belho, comezou unha leve virada de modelo, que agardan consolidar este ano. “Procuramos un modelo máis aberto, máis dinámico, en que entren máis xéneros”, di, “para construír un ecosistema propio de conexións e relacións para o talento galego”. E ese “novo mapa emocional” vai máis alá da Lusofonía e incumbe ámbitos historicamente achegados á Galiza e á súa música. É a América Latina, é a diversidade lingüística e cultural interna ao Estado español, é o monllo de culturas do Atlántico Norte encadradas en algo así como o celtismo.

O festival desta fin de semana será a primeira proba  desta xeografía por estrear. “O Cantos na Maré é unha porta que pretende abrir os lentes e as miradas, que pretende abrir os ouvidos a outras sonoridades. A xente que se achegue con curiosidade probará outras texturas, outros sabores, e vai atopar sorpresas”, sinala Belho. Talvez a este propósito responda a vontade de delimitar novos públicos, audiencias “desprexuizadas”. E a necesidade de conectar coa mocidade.

“Se non, corremos o risco de ficar excesivamente pegados ás músicas de raíz popular e non atendermos ao urbano, ao experimental, que é algo que nos preocupou moito achegar na pasada edición e mais nesta”. Nesta aposta no policentrismo musical e, ao tempo, en se desprender de tópicos e etiquetas no que respecta ás chamadas músicas do mundo é que se move o programa do encontro de 2019, en que haberá galegas, arxentinas, catalás, mozambicanas, portuguesas, brasileiras, caboverdianas.

[Podes ler a peza íntegra no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]