CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Caras e lugares', o selo da 'nouvelle vague' e a arte urbana

'Caras e lugares', o selo da 'nouvelle vague' e a arte urbana
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

CARAS E LUGARES

Visages villages

(Francia 2017, 89 min.)

Dirección e guión: Agnès Varda e JR

Fotografía: Roberto De Angelis, Claire Duguet, Julia Fabry, Nicolas Guicheteau, Romain Le Bonniec, Raphaël Minnesota, Valentin Vignet

Música: Matthieu Chedid

 

SINOPSE

A cineasta Agnès Varda e o artista urbano JR inician unha viaxe improvisada a través de Francia.

 

CRÍTICA

Agnès Varda, a única muller membro da Nouvelle Vague (xunto Godard, Rohmer, Vadim ou Truffaut), chega aos noventa anos cunha envexábel mente preclara. Máis de sesenta anos facendo filmes e documentais que aportaron realismo e novas formas de entender a creación cinematográfica e que, ademais, deixaron unha pegada imperecedoira na historia do cinema. Non é de estrañar, por tanto, a recua de premios honoríficos e recoñecementos varios que leva acumulando desde hai máis dunha década: en Cannes, en Locarno, do Cinema Europeo, tamén un César e ata un Óscar honorífico este mesmo ano.

 

Calquera persoa, cun mínimo de gusto, admira a esta señora baixiña de pelo a dúas cores. Tal lle pasa ao fotógrafo e artista urbano JR, un francés duns 30 anos que leva camiño de se converter no novo Bansky. Con todo, JR non fai graffitis, máis ben usa as paredes como lenzo para pegar fotografías xigantes. Unha magna obra que leva facendo desde hai 15 anos. Esta arte, de corte social, ten como obxectivo invitar a reflexionar e crear conciencia sobre os temas máis variados pero, case sempre, dándolle voz (e cara) ás persoas máis anónimas e desfavorecidas.

 

Agnès Varda, que pode ser nonaxenaria pero segue mantendo as súas facultades cinéfilo-artísticas intactas, sabe perfectamente o que fai JR e tamén admira a súa obra de fotografía urbana a gran escala. Non era sen tempo que ambos se coñeceran e, claro, decidiran facer algo xuntos. Desta mutua admiración nace Caras e lugares, unha sorte de road-movie documental dunha parella atípica e tan peculiar como a furgoneta-fotomatón na que percorren Francia.

 

A avoa da Nouvelle Vague e máis o fotógrafo clandestino inician unha aventura espontánea parando por diferentes vilas da xeografía francesa. Unha vez falan coas súas xentes toman a decisión de empapelar certos retratos nas fachadas, as paredes ou calquera lugar que poida albergar unha foto a tamaño xigante. Cada chegada a un lugar comeza como unha incógnita. De primeiras non saben moi ben que van facer. Deciden sobre a marcha a quen (ou que) fotografar, que queren comunicar e onde van pegar as enormes fotos. Pode parecer unha tolemia, pero acaba resultando algo marabilloso...

 

De súpeto a xente anónima torna famosa, as mulleres dos estibadores convértense en protagonistas, a xente xa non se sinte (tan) soa, os lugares abandonados cobran vida, fáiselle honra aos antepasados e, incluso, logran colarse unha mensaxe ecolóxica e de sustentabilidade para o medio ambiente. Beleza e humanidade unidas nun mesmo fin.

 

A diferenza xeracional entre ambos viaxeiros resulta patente e tamén bastante simpática. Ningún dos dous evita picarse mutuamente facendo patente unha xenial vis cómica entre ambos. Mais ao final o que conta é a forma de ver e sentir o mundo, e aí, pese a diferenza de idade, coinciden plenamente... malia que Varda vexa todo borroso e JR mire sempre todo escuro a través das súas inseparábeis gafas de sol semellando o sosias perfecto de Jean-Luc Godard... un feito que non pasará inadvertido para Agnès Varda.

 

Caras e lugares é unha peza fascinante de realidade conceptual e liberdade artística ideal para amantes da fotografía e das historias con alma. Un filme xenuíno e inimitábel.



x