AUTOR DE MONTE PÍO OU DO MUSEO DA CONSERVA DA ILLA

O carballiñés Gallego Jorreto gaña o Nacional de Arquitectura do Ministerio de Fomento

O carballiñés Gallego Jorreto gaña o Nacional de Arquitectura do Ministerio de Fomento
O arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Foto: Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza.
O arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Foto: Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza.  

Manuel Gallego Jorreto, arquitecto nado no Carballiño en 1936, vén de recibir o premio Nacional outorgado polo Ministerio de Fomento. “Máis de 50 anos de exercicio profesional marcado por unha arquitectura comprometida coa súa Galiza tradicional”, sinala o xurado do galardón.
 


Entre as máis coñecidas de Gallego Jorreto atópase a residencia do presidente da Xunta, o famoso Monte Pío de Santiago de Compostela. A reforma do Museo das Peregrinacións no antigo Banco de España, na praza de Praterías da mesma cidade, a rehabilitación do Teatro Rosalía de Castro na Coruña ou o Museo da Conserva da Illa de Arousa son algunhas dos seus traballos máis celebrados.

“Profeta na súa terra, desenvolveu unha arquitectura que vai desde vivendas unifamiliares a proxectos emblemáticos”, di a nota remitida polo ministerio, “caracterizada por un diálogo honesto entre os materiais tradicionais, os oficios e a modernidade. Puxo a contorna, a paisaxe e o interese xeral por diante de calquera selo persoal”.

O Premio Nacional de Arquitectura de Fomento está dotado con 60.000 euros. Do xurado desta edición fixeron parte Rafael Moneo Vallés (premio en 2015), Elías Torres Tur e José Antonio Martínez Lapeña (premio en 2016), Luis Fernández-Galiano Ruiz, Manuel Blanco Lage, Luz Fernández de Valderrama Aparicio, Concha Barrigós e Fuensanta Nieto de la Cierva.

Gallego Jorreto, que no seu día presentárase ao concurso de ideas para a construción da Cidade da Cultura e logo amosouse crítico co proxecto, foi galardoado en 2008 co Premio Nacional da Cultura Galega na súa única edición.