Carlos Casares, Letras 2017

Carlos Casares, Letras 2017
Carlos Casares [Imaxe Academia Galega]
Carlos Casares [Imaxe Academia Galega]  

O escritor ourensán foi o nome elixido pola Academia Galega. 


Finalmente o Pleno da Academia Galega resolveu homenaxear Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) nas Letras Galegas do vindeiro ano. Así o comunicou o presidente da institución, Xesús Alonso Montero, en comparecencia de imprensa este mediodía. 

Casares era o favorito entre a listaxe de nomes --todos masculinos-- que compuñan as distintas candidaturas a valorar pola Academia. O que foi director de Galaxia e renovación do ‘piñeirismo’ presidiu tamén o Consello da Cultura Galega e foi deputado independente nas filas do PSOE en 1982. 

A Academia subliña o carácter prolífico de Casares mais tamén a súa escrita como comunicador

Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares foi un autor polifacético e "unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX", sinalan desde a Academia nun comunicado público após a deliberación do pleno. 

"Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega", acrecentan desde a institución. 

Casares foi un intelectual de relevo extraordinario

Neste senso, entenden que "que a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, converten a Carlos Casares nun escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017". Pois, subliñan, "con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria". 

Carlos Casares publicou a súa primeira obra, Vento ferido, en 1967 tornándose nun pioneiro na literatura infantil en lingua galega. Ao longo da súa traxectoria recibiu múltiples premios como o Premio Galaxia e o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. 

Ingresou na Real Academia Galega (RAG) en 1978 converténdose na persoa integrante desta institución máis nova. 

Marilar Aleixandre, académica e Chus Pato, candidata

O Pleno da Academia tamén aprobou a incorporación da escritora Marilar Aleixandre, colaboradora de Sermos Galiza, como nova integrante substituíndo o falecido Xosé Neira Vilas. Aliás, oficializou a candidatura de Chus Pato como proposta para se incorporar --se así o decide o Pleno na vindeira sesión-- á Academia pasando a ocupar a vacante producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro.



x