Carlos Negro: “A poesía ten que fuxir da solemnidade para se achegar a novos públicos”

Carlos Negro: “A poesía ten que fuxir da solemnidade para se achegar a novos públicos”
Carlos Negro
Carlos Negro  

Penúltimas tendencias (Edicións Xerais) é un libro de poesía que se dirixe “a todas as mozas que non admiten costuras nos labios”. O seu autor, Carlos Negro, presenta a súa nova achega literaria esta sexta feira, 13 de xuño, ás 20.30 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns-Ames) co seu editor Manuel Bragado. 


Con as laranxas de alí babá  (Letras de Cal) Carlos Negro iniciaba en 1998 a súa traxectoria literaria á que agora suma Penúltimas tendencias (Edicións Xerais). Na mesma liña que Makinaria,o seu anterior libro, o escritor achega a súa poesía á mocidade, coas súas voces e fuxindo da solemnidade e o academicismo .

-No libro fai mención explícita de que vai dirixido a un público concreto, mozas adolescentes. Por que escribe para elas?

Sempre partimos do que se vive e eu son profesor e teño moitas mozas alumnas, rapazas que son lectoras e pareceume un destinatario interesante desde o punto de vista emocional. Makinaria era un poemario moi masculino e, por contraste, o reto era meterme na pel dunha moza nesa idade difícil da adolescencia. Interesábame como viven o mundo da publicidade, da imposición da beleza. 

-Tal e como fala, meterse na pel dunha moza, relatar a súa vida... todo parecería indicar que fala de narrativa mais Penúltimas tendencias é un libro de poesía. 

A poesía permíteme explotar ao máximo a subxectividade, dáme unha maior liberdade e leva a linguaxe ao límite. Como a miña poesía é narrativa non impide que se poda contar unha historia. Gústame a forza da poesía que funciona como pequenos flashes. Conecta moi ben coa xente nova, comunica, ten intensidade e ritmo. 

-Por que é singular escribir poesía para a mocidade?

Como dicía Fran Alonso nunha intervención, estamos inventando o xénero. Poden ler poetas clásicos ou modernos mais parecíame unha posibilidade inmensa que persoas coma min que estamos a carón de adolescentes podamos pensalos como destinatarios. O reto é atopar unha linguaxe contemporánea, que resulta críbel sen caer na impostura. O máis difícil foi atopar a voz, que fose natural, fluída, que se lea como a voz dunha moza e que se esqueza que detrás hai un home. Busquei unha voz feminina, contraditoria e rabuda. Trátase dunha moza que se fai preguntas, a primeira, quen quere ser e se revela contra as persoas que lle din como ten que ser. 
Imposicións como o amor romántico, os modelos sexistas... continúan a consagrar a desigualdade e os estereotipos. Quen quero ser neste libro é esa moza que loita contra todo iso. 

-Para iso introdúcese na linguaxe que emprega agora a mocidade, con palabras novas, algunhas en inglés. 

Desenvolvín un traballo consciente, mesmo de investigación para que non fose eu quen falase, mesmo lendo revistas como Superpop. En todo este ámbito da moda hai catro palabras fetiches fashion, chic, cool e sexi que aparecen sempre na publicidade destinada a esa idade. É o idioma do consumismo mundial, está nas redes sociais e entra nas películas, nas series, está por toda parte, non a inventei eu. 

-O crítico Ramón Nicolás falou da voz do seu libro como un “alter-ego” da meniña gaiteira rosaliana dos Cantares. 

A asociación pareceume moi suxestiva mais non foi intencionada, en todo caso sería inconsciente  Eu sempre estou buscando outras voces e a de Rosalia de Castro é unha delas, que, á vez, se convertía en moitas porque lle deu voz ao pobo.   

-Alén diso, vostede foi o autor do manifesto da AELG deste ano para a conmemoración do Día de Rosalía, que desta volta se promocionou con graffitis incluídos. 

Cada vez é máis obvio que Rosalía fala cara o futuro. Canto máis achegamos á literatura ao mundo contemporáneo, mellor a entende o alumnado. Rosalía é un clásico porque permite continúas relecturas. A emigración é  Rosalía e é o século XXI que nos tocou vivir. A súa voz é libre e os seus versos son berros para graffitear nas paredes por iso os rapaces a senten próxima. 

-Makinaria, o seu anterior título, falaba de velocidade e da urxencia de vivir de maneira trepidante, dirixido tamén á adolescencia. Considera que precisan máis poesía?

Son dous poemarios moi distintos e non é a miña intención meter a toda a mocidade no mesmo grupo. Interesábame daquela reflectir sobre a morte, o amor, a paixón, ao frenesí, o non hai futuro, vivir o día a día con moita velocidade para fuxir das rutinas. En Penúltimas tendencias tamén acontece mais o universo á máis global, afecta a mozas e mozos que adoptan eses estereotipos. Makinaria abriu a porta a esa posibilidade da poesía de tratar temas de actualidade e falar coa voz da mocidade. Quería que tiveran a posibilidade de comprobar que a poesía non é solemne, é ritmo, intensidade e, escribas como escribas, é tamén a busca de verdade. 

-E non teme que, estando tan pegado Penúltimas tendencias á actualidade, mesmo na linguaxe, quede fora do tempo dentro de, digamos, trinta anos?

Ese risco existe. Cando traballas coa linguaxe da mocidade dun tempo pode ser que cos anos pase de moda. A prevención vén xa no título, sempre estás na “penúltima” tendencia. Existe o risco mais tampouco me preocupa Escribo para os meus contemporáneos, se o libro non sobrevive tampouco me parece grave.Gustaríame, iso si, que a forza das emocións poida transcender e supere o risco dunha linguaxe que pode ser caduca ou puntual. 

-No libro hai unha recreación do poema “Longa noite de pedra”, como fixo no seu tempo o colectivo Ronseltz.Vostede acaba de dicir que fuxe da solemnidade da poesía, síntese herdeiro deles?

Non tanto nas formas xa que eu non teño esa actitude paródica mais si creo que hai unha conexión na antisolemnidade, no antiacadémico. A poesía ten que luxarse as mans, meterse no mundo que lle tocou vivir, lonxe de mensaxes crípticas e elitistas. Síntome herdeiro deles tamén no sentido de ser algo dadaístas, calquera pode ser artista e intentalo. A poesía ten que fuxir da solemnidade se se quere achegar a novos públicos. 

-Vostede publicou o seu primeiro libro as laranxas de alí babá en Letras de cal, aquel selo que nacera da efervescencia poética dos noventa na que tamén partillou. Considera que hai unha liña de continuidade desde entón até este novo título?

Véxome menos inocente mais lembro aquel tempo como único e irrepetíbel. A voz logo evolucionou mais o que queda de común é a busca da polifonía, de ser voces diferentes. Estou moi lonxe daquel primeiro libro mais sigo recoñecéndome nel. Fuxín de ter unha marca de estilo. O meu proceso é poñer a linguaxe ao servizo da voz do libro, para que resulte auténtica e iso leva a crear máscaras.