CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Cartas da guerra

Cartas da guerra
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

CARTAS DA GUERRA

(Portugal 2016, 120 min.) 

Dirección: Ivo Ferreira

Guión: Ivo Ferreira e Edgar Medina

Fotografía: João Ribeiro

Música: António Pedro

Elenco: Miguel Nunes, Margarida Vila-Nova, Ricardo Pereira, João Pedro Vaz, Pedro Ferreira, Simão Cayatte, João Pedro Mamede

SINOPSE

Anos 70, Guerra Colonial Portuguesa. Un soldado destinado en Angola comeza a escribir cartas a súa muller.

CRÍTICA

Recibir unha carta hoxe en día, que non sexa de pago ou para vendernos algo, é bastante infrecuente, mais moitos de nós (espero) aínda lembramos esa mestura de emoción, incerteza e ansia que provoca recibir unha carta dun ser querido. Unha sensación parecida acontece ao meterse a ver Cartas da guerra: un filme que semella sacado doutro tempo que non sabemos o que pode conter mais, a medida que asistimos ao seu relato, imos experimentando a candidez e sensibilidade de aquel que escrebe/filma desde o máis profundo da alma. Ivo Ferreira adapta a novela autobiográfica de António Lobo Antunes que recolle as misivas que lle mandaba á súa muller cando esta se atopaba grávida da súa primeira filla mentres este andaba destinado en Angola como médico militar, en plena guerra colonial portuguesa, no período de 1971 a 1973. O protagonista, por tanto, tamén se chama António, interpretado por Miguel Nunes. António ve quebrada a súa xuventude cando o mandan ao leste de Angola como médico militar. Está demasiado lonxe de todo o que ama: a súa muller e unha crianza en camiño, así que comeza escribir cartas á súa namorada co fin de mitigar a saudade, loitar contra o esquecemento e manter a cordura dentro dun escenario de crecente violencia e morte sen razón. Escribir semella o único modo de sobrevivir ante a barbarie bélica. Unha viaxe ao corazón das tebras aferrada ao amor, o único sentimento que pode manter con vida ao protagonista... Melancolía, poesía e crueza nun filme romántico anti-bélico sobre a soidade e a adaptación á inhumanidade con marxe para homenaxear os mozos portugueses que foron enviados a loitar nunha guerra absurda que desencadeou o fin da ditadura en Portugal, pois foron estes mesmos soldados os que se alzaron contra o réxime salazarista. Ferreira alude este feito co espertar político que sente o médico António ao longo do seu periplo africano co revelador descubrimento que sente cara aos ideais de Ernesto “Che” Guevara, entre outros.

Cartas da guerra débelle moito á prodixiosa fotografía en branco e negro de João Ribeiro, toda unha clase maxistral para amantes da imaxe fixa. Consegue que, malia ser filmada en branco e negro, por un intre, case consegue transmitir o verde militar, os ocres da sabana ou o vermello da sangue. Xenial tamén o gran traballo vocal da receptora das cartas, interpretada por Margarida Vila-Nova, muller de Ivo Ferreira. Apenas aparece en escena mais, a súa omnipresente e doce voz en off, inunda a pantalla mentres se amosa a desesperación dos homes, a tolemia da guerra ou a beleza implacábel do continente africano. Un contraste que acada o máximo grao de expresión na secuencia na que ela lee un listado de epítetos cualificativos escritos nunha preciosa carta polo seu namorado nunha das mellores escenas de erotismo narrado que endexamais vira. Resulta incríbel todo o que transmite con tan poucos elementos. Enorme. Non hai dúbida que unha vez rematada Cartas da guerra sentimos unha sensación de ter asistido a algo memorábel. Un filme para ver e revisar as veces que faga falta... o mesmiño que unha desas carta que conservamos nun caixón de lembranzas. Un filme máis que se une a esa corrente de cinema portugués emerxente que está a traspasar fronteiras. Mágoa que só se estree en dúas salas de toda Galiza (Numax en Santiago e os Norte en Vigo), iso si... por sorte están en versión orixinal. Apurade antes que a quiten...