A casa-museo de Dieste abrirá ao público en 2018

A casa-museo de Dieste abrirá ao público en 2018
O alcalde Adolfo Muíños e a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, diante da casa de dieste
O alcalde Adolfo Muíños e a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, diante da casa de dieste  

A Deputación da Coruña vén de asinar un convenio de colaboración co Concello de Rianxo que suporá o comezo das obras de reconstrución do inmóbel do escritor nesta vila. Prevese que estará lista en 10 meses. 


En 10 meses xa poderemos entrar na futura casa-museo de Rafael Dieste, a vivenda que o autor recreou na súa obra 'A fiestra valdeira' e que se encontra na Rúa de Abaixo de Rianxo, seguramente a rúa máis literaria do país, que tamén acolle as casas de Castelao e Manuel Antonio, esta última xa habilitada como museo.

Todo isto será posible grazas a unha achega da Deputación da Coruña de 189.456,66 euros, o 80% do orzamento total de 236.820,82 euros. “Con este proxecto, queremos impulsar a condición de Rianxo como vila literaria, en que a cultura é tamén motor de dinamización turística e económica, á maneira doutras casas de referencia no país como a de Rosalía de Castro en Padrón que son espazos moi visitados, non só pola propia veciñanza que lle dará uso, senón tamén por estudantado e persoas que queren renderlle homenaxe aos tres autores que viviron nesta rúa”, sinalou Goretti Sanmartín Rei no acto de sinatura de convenio que se desenvolveu na propia casa de Rafael Dieste.

Goretti Sanmartín: “Con este proxecto, queremos impulsar a condición de Rianxo como vila literaria, en que a cultura é tamén motor de dinamización turística e económica"

“Para nós é unha obriga contribuír a difundir o seu legado nun concello que aposta pola cultura que forma parte da súa identidade cun tesouro para a veciñanza mais tamén que se proxecta para o mundo, á maneira da propia figura de Rafael Dieste”, engadiu Goretti Sanmartín que destacou a potencialidade das casas literarias como atractivo turístico, cultural e económico. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros do museo de Manuel Antonio e tamén da casa de Castelao, Rianxo consolídase como un lugar emblemático do noso país e a súa cultura”, concluíu na súa intervención a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Aberta en 10 meses

Pola súa parte, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, agradeceu que desde a Deputación da Coruña, co voto favorábel de toda a corporación, se considerase a iniciativa como un “proxecto singular, de país, en clave galega”.  Anunciou que, de inmediato, desde o Concello comezarán as xestións para a contratación da obra coa idea de que nun prazo de dez meses se poda xa abrir a casa ao público. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros da de Manuel Antonio e a de Castelao, a Rúa de Abaixo é un referente para a visita turística e cultural non só para Rianxo senón para todo o país e para o mundo, en especial nos países e nas amplas relacións en que a familia Dieste deixou pegada”, explicou Adolfo Muíños que se congratulou por un novo “espazo gañado para a cidadanía e a cultura galega, ademais de facer xustiza coa memoria do escritor”.

Adolfo Muíños: "A Rúa de Abaixo é un referente para a visita turística e cultural non só para Rianxo senón para todo o país e para o mundo"

Mobiliario orixinal restaurado

O alcalde de Rianxo adiantou tamén algúns dos materiais que formarán parte do futuro museo de Rafael Dieste como mobiliario orixinal que xa foi restaurado, o piano, coleccións de partituras e primeiras edicións da obra e lembrou que, en vida do escritor e a súa muller Carmen Muñoz, a casa era centro de irradiación cultural en que se sentía a música ao vivo e se prestaban libros antes de que “esta vivenda padecera tamén a longa noite de pedra”.

O proxecto que agora inicia o seu percorrido inclúe obras de cimentación, saneamento e pluviais, consolidación a estrutura, albanelería, carpintería interior, instalación eléctrica e protección contraincendios, instalación de fontanería e calefacción, revestimentos e ascensor e rematará coa apertura ao público do inmóbel reconstruído cunha sala de actos e exposicións na planta inferior e a recreación dos espazos máis vinculados á vida do escritor no primeiro andar coa galería que dá ao mar e que está presente na obra 'A fiestra valdeira'.
 
A casa de Rafael Dieste é unha construción blasonada do século XVIII situada no centro histórico de Rianxo e leva deshabitada desde a morte do escritor, hai un cuarto de século. Foi adquirida polo concello de Rianxo en 2007 e no ano 2012 desenvolveuse unha intervención sobre o tellado e as fachadas.