A Casa de Rosalía gaña o premio do público do Culturgal 2018

A Casa de Rosalía gaña o premio do público do Culturgal 2018

Foi a escollida, por diante do Chanfaina’Lab e a Rede Cultural da Deputación de Cultura


Case cinco décadas de historia, unha referencia dentro e fóra de Galiza e, ademais, desde hai uns anos, axitando con novos aires o legado da autora galega por excelencia. A Casa de Rosalía (Padrón) é a gañadora do premio do público de Culturgal 2018. Obtivo 444 votos fronte ás candidaturas de Chanfaina’Lab (341 votos) e Rede Cultural da Deputación da Coruña (403). Case 1.200 persoas participaron na votación online. O domingo 2 de decembro celebrarémolo co acto de entrega na Feira, ás 18:45 no Pazo da Cultura de Pontevedra.


 

Na Casa da Matanza, a autora viviu os seus últimos anos e é unha realidade como museo desde 1972 cando se inaugurou con Agustín Sixto Seco como presidente do padroado, Andrés Fernández-Albalat como arquitecto e Xosé Filgueira Valverde como primeiro director. Nas seguintes décadas habilítanse sala de xuntas, almacéns, servizos públicos, auditorio e arquivo. En 1999, o Centro de Estudos Rosalianos. Tamén se adquiren ao longo do tempo outras propiedades, como a vivenda para a encargada da Casa-Museo. Desde 1971 ata o ano do seu pasamento, 1998, a actriz Maruxa Villanueva foi coidadora da Casa de Rosalía na Matanza, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano. Emigrante en Arxentina desde os 20 anos, onde foi cantante de éxito e actriz.

A Casa de Rosalía, xestionada pola fundación que preside na actualidade Anxo Angueira, mantén unha actividade constante. Como di o presidente da Casa de Rosalía -e tamén poeta- “poucos países do mundo teñen como “escritor nacional” a unha muller”.



x