Castelao, Bóveda e Reboiras xa son personaxes de cómic

Castelao, Bóveda e Reboiras xa son personaxes de cómic
Moncho Reboiras
Moncho Reboiras  

As biografías de tres das figuras fundamentais do nacionalismo xa se pode seguir a cadriños. A UPG edita un cómic con Moncho Reboiras como protagonistas para difundir a súa figura aos proxectos que xa levaron á banda deseñada a Alexandre Bóveda e a Castelao. 


“Servir o povo galego” titúlase o cómic que a UPG edita para difundir a figura de Moncho Reboiras, distribuído arredor do 38 aniversario do seu asasinato que se lembrará, como todos os anos, o próximo 12 de agosto en Ferrol. Son catro páxinas de relato biográfico en banda deseñada con imaxes de Tokio que se distribúe en papel mais tamén ten acceso en formato dixital. 

“Na madrugada do 12 de agosto de 1975, Moncho Reboiras, ferido de morte por varios disparos da policía española, parapétase no portal 27 da rúa da Terra, en Ferrol... a célula fora descuberta e sobre el atraía a atención da Brigada Político Social, mentres, lembraba a súa traxectoria” así comeza a historia e, desde ese punto tráxico de fin de vida, o propio Moncho Reboiras relatará a súa biografía, desde os inicios de Imo pasando pola militancia nacionalista ate o fin no que evoca a súa mensaxe de herdanza: “a loita debe continuar”. 

A proposta da UPG traslada a figura de Reboiras á banda deseñada, sumándose así a outros proxectos que levaron a cadriños a vida de Castelao e Bóveda. O libro que relata en banda deseñada a biografía do nacionalista asasinado na Caeira naceu da man de Sonradiofusión, comandada por Henrique Sanfiz e foi sufragada a través de verkami, a plataforma para recadar fondos co fin de desenvolver iniciativas. Trátase de 48 páxinas nas que con guión de Pitusa Arias e debuxos de Carlos Sardiña. 

De grande dimensión é o proxecto de Inacio Vilariño como guionista e Iván Suárez para os debuxos que está a levar a biografía de Castelao a banda deseñada. Trátase de oito volumes dos que tres son os que van publicados, baixo o selo Demo Edicións xunto coa Libraría Komik. Despois de se iniciar con Titoán, premio Castelao de Banda Deseñada 2001, e Pobre Tolo, presentouse recentemente o terceiro dos libros da serie. Titulado Máis alá, o volume que recolle a crónica da súa viaxe a Europa.