40.000 VISITANTES EN CATRO MESES

"Castelao maxistral", a exposición máis visitada da historia do Gaiás

"Castelao maxistral", a exposición máis visitada da historia do Gaiás
Momento da colocación do lenzo de Castelao
Momento da colocación do lenzo de Castelao  

"A derradeira leición do mestre" viaxará esta semana á Deputación de Ourense, onde se exporá a partir deste xoves antes do seu regreso á institución á que pertence, o Centro Galicia de Bos Aires. 


A Cidade da Cultura clausurou hoxe a mostra "Castelao maxistral" cun fito histórico ao se tratar da exposición máis visitada da historia do Gaiás, cunha cifra que supera as 40.000 persoas durante os 120 días de apertura ao público. A posibilidade de ver por vez primeira no país o cadro "A derradeira leición do mestre", pintado polo artista de Rianxo en 1945 en homenaxe a Alexandre Bóveda, asasinado en 1936, foi clave para que a mostra acadara este éxito. 

Segundo datos da Consellería de Cultura e Turismo, unha media de 303 visitantes diarios achegáronse ao Museo Centro Gaiás, atraídos pola oportunidade histórica de ver este óleo icónico, considerado o "Guernica" galego e que nunca antes saíra da institución á que pertence, o Centro Galicia de Bos Aires. Esta cifra de visitantes diarios tamén bateu un récord na traxectoria do Gaiás, superando mesmo á de "Gallaecia Petrea", mostra coa que botara a andar o museo da Cidade da Cultura e que rexistrara unha media de 279 visitantes por día. 

Trala clausura, o lenzo trasládase á Deputación de Ourense, onde se exhibirá ao público a partir deste xoves, en virtude dun convenio asinado entre esta institución provincial, a Xunta e o Centro Galicia de Bos Aires. 



x