Castelao recibe a homenaxe de cen persoas que suben na súa honra ao Pico Sacro

Castelao recibe a homenaxe de cen persoas que suben na súa honra ao Pico Sacro
Pico Sacro
Pico Sacro  

A convocatoria das asociacións que forman Galiza Cultura incluíu a lectura do 'Alba de Gloria', actuacións como a de Mini e Mero e visitas á contorna. Cumpríanse noventa anos desde que o nacionalismo tomase ese roteiro ante as prohibicións de Primo de Rivera.


Cen persoas homenaxearon a Castelao subindo ao Pico Sacro, como fixera o de Rianxo e @s galeguistas da época para celebrar alí un acto político durante a ditadura de Primo de Rivera, hai xusto noventa anos.

Nove décadas despois, a federación de asociacións culturais Galiza Cultura volveu subir ao Pico Sacro para rememorar, por cuarta vez, aquel momento cunha lectura pública da Alba de Gloria no cumio do monte, no lugar simbólico e cargado da enerxía da propia historia. Entre outros momentos, desde a organización queren lembrar a xeración do Seminario de Estudos Galegos “que reparou neste lugar emblemático.  

Actos

O escritor Xosé Luís Santos Cabanas foi o encargado de dar a benvida por volta das 12:00 para subir conxuntamente o último treito do Pico Sacro onde se inzou a bandeira e se procedeu á lectura da Alba de Gloria por parte de representantes de diversas asociacións culturais.A seguir, as persoas asistentes asistiron a un roteiro guiado arredor do Pico Sacro e á actuación de Mini e Mero no atrio da capela. Despois do xantar colectivo desenvolveuse a visita guiada por Iolanda Aldrey “Da auga e da pedra”, arredor de tres quilómetros en que se viu unha carballeira, dúas fervenzas e varios muíños restaurados ademais doutros lugares de interese.