Catro miradas de excepción nas xornadas de fotografía do Ágora

Catro miradas de excepción nas xornadas de fotografía do Ágora
Foto de Öscar Palomares
Foto de Öscar Palomares  

Ouka Leele, José Manuel Navia, Chema Madoz e Juan Manuel Castro son os catro nomes de excepción da imaxe contemporánea que impartirán aulas maxistrais nas xornadas PhotoÁgora da Coruña.


A fotografía invade o Centro Ágora da Coruña neste mes de setembro da man de catro dos principais nomes da imaxe contemporánea que protagonizarán catro clases mestras dentro das xornadas de PhotoÁgora. Coordinadas polo fotógrafo Gabriel Tizón e promovidas pola Concellaría de Cultura, o ciclo ten xa no día da súa presentación unha das propostas pechadas. As corenta prazas para se converter en alumnado de Chema Madoz están xa completas por persoas que se adiantaron para participar no encontro co prestixioso fotógrafo. 

“Educar e compartir” é o lema dun encontro que, alén das catro aulas maxistrais, incluirá unha mostra e un concurso internacional de fotografía.  Ouka Leele será a encargada de iniciar a primeira edición de PhotoÁgora o día 7 de setembro, o 14 seguiralle José Manuel Navia, Chema Madoz o 21 e o Juan Manuel Castro o 28.    

Sobre a mesa, cada un dos creadores, porá as claves dos seus procesos creativos e a súa traxectoria profesional en catro encontros abertos ao público, especialista ou non, que se inscriban a través de www.photoagora.es, co pago de 85 euros. 

Vari Caramés, Miguel Riopa, Amador Lorenzo e o mesmo Gabriel Tizón compuxeron o xurado do concurso internacional PhotoÁgora do que se expoñen agora no centro as imaxes gañadoras e finalistas. A serie que foi seleccionada como gañadora, Gracia, tradición e cor, do barcelonés Óscar Palomares exponse no vestíbulo do Ágora. Na rampla de acceso ao auditorio poderase contemplar Rúa Barcelona a pé, de José Cadaveira, un británico que reside na Coruña.Wall Street e arredores de Manhattan, do madrileño Luís Sánchez Davilla, tamén finalista, está á vista na primeira plana dunha Ágora invadida pola fotografía neste mes de setembro.