Caxade competirá con 'Gente pota' polo Suns Europe

Caxade competirá con 'Gente pota' polo Suns Europe
CAXADE
CAXADE  

Esta sexta feira Caxade representa a Galiza no festival de linguas minorizadas Suns Europe, que celebra a súa primeira edición en Udine (Friul, Italia) con dez bandas europeas.


Caxade elixiu o tema 'Gente pota' para loitar por un premio cunha dotación de 2.000 euros e a participación en varios festivais europeos. A súa banda enfrontarase ao trío folc rock vasco Kasernarat; o rock psicodélico dos irlandeses Tuath; a banda 'crossover' de hiphop bretón Rhapsoldya; o dúo pop frisón Marit&Nigel; os samis (lapóns) Ozas, que mestura pop, blues e canto tradicional; o cantautor friulano Loris Vescovo; o dúo pop Me & Marie do cantón de Grigioni; e dous grupos da federación rusa: Zaman da comunidade lingüística bashkir e Ilmu de Carelia. A banda gañadora levará un premio de 2.000 euros e a participación en varios festivais europeos. 

Logo do Festival, Caxade ofrecerá un concerto no Teatro Verdi da cidade friulana de Pordenone. 

Primeira edición do Suns Europe

Esta será a primeira edición do Suns Europe, que substitúe ao Liet International que se organizaba desde 2002 en Frisia (Holanda). Por aquel festival pasaron diferentes formacións galegas, como Uxía, Fran Pérez 'Narf', ou Mafia Galega. Nesta nova xeira defínese como o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias e acolleu diversas actividades desde o pasado 25 de novembro até o 11 de decembro deste ano, con proxección de filmes (exhibiuse A Esmorga de Ignacio Vilar) e mostra de literatura en linguas minoritarias, aínda que o maior evento é este concurso de canción moderna. Está aberto a todas as minorías lingüísticas tal e como se definen na Carta Europea de Linguas Minoritarias. 

Novo CD/DVD coa Banda de Bandeira

Ademais da súa participación no Suns, Caxade vén de presentar no Culturgal o CD/DVD A Dança dos Moscas ao Vivo xunto coa Banda de Música de Bandeira. Neste traballo, gravado hai un ano na anterior Feira das Industrias Culturais, os músicos de Caxade reintrepretan o seu primeiro disco acompañados por esta formación.



x