Caxade: “Tocar coa Banda de Bandeira é un soño cumprido”

Caxade: “Tocar coa Banda de Bandeira é un soño cumprido”
Caxade
Caxade  

O sábado 6 no Culturgal a banda de Caxade subirá ao escenario cos sesenta músicos e músicas da Banda de Música da Bandeira Os temas de A Dança dos Moscas (Discos da Máquina) sentiranse doutra maneira, cunha sorprendente orquestración ao vivo que promove un dos artistas máis recoñecidos do actual panorama galego. Alonso Caxade fala da “grandiosidade” do encontro. 


-Como nace o proxecto do concerto coa Banda de Música Popular da Bandeira? 

Trátase dun soño cumprido. A liña inicial de A Dança dos Moscas era de clara reivindicación das bandas populares. Un fío claro é o do son de principio de século das bandas, que moita xente cualifica de verbeneiro. Moitos quedaron na parte máis folk ou indie pero o certo é que cando concibín o proxecto era anovador do folk no que ten a ver co sentido orixinario e tamén da música tradicional e os preconceitos do romanticismo. Aí entran as bandas de música, que podemos definir como un colectivo tradicional. Como parte desa anovación da tradición e reivindicación do popular era fácil concluír na relación estreita coas bandas. Sorprendentemente, mesmo sendo as primeiras escolas, aínda continúan estando en terra de ninguén. Para aquelas persoa que percibiron esa influencia verana agora de maneira máis palpábel e visíbel ao ver subir ao escenario a máis de sesenta músicas e músicos dunha das mellores bandas do país para orquestrar as composicións que fixen para o disco. 

- Muda a súa proposta musical con ese escenario completo de mú[email protected]?

Gañamos en grandiosidade e outórgalle aos distintos temas o son de banda sonora. Percíbese maxestosidade por esa forza que a banda aporta mais ten un tinte diferente ao do cuarteto. 

-Como se deu ese encaixe entre o seu grupo e a banda?

Na práctica foi moi fácil, máis do que contaba. Estableceuse un proceso de coordinación e diálogo dentro da banda,con persoas próximas a min, coa directiva e co director, por unha cuestión de colectividade. Non quería que se interpretase como eu tocando cunha banda. Buscaba un proxecto colectivo. Certo é que pode ser que o nome da nosa banda, Caxade, pode ter máis forza porque se orquestra o noso disco mais eu entendín o proxecto de maneira conxunta e colectiva. O diálogo foi moi simple. As bandas están abertas a moitos proxectos e quizais por non seren acollidas polo romanticismo tradicional teñen menos prexuízos. Todo pode ser música de banda, poden tocar pezas contemporáneas, pasodobres e... o disco de Caxade. Algo magnífico, por outra parte. No día a día, a preparación foi simple. Orquestráronse as partituras, pasáronse e en dous ensaios estaba funcionado. As bandas de música teñen un nivel espectacular aínda que non se lles dea esa relevancia. Non se valora o seu nivel musical, á altura de auténticas orquestras. Ben é certo que estamos a falar da banda de Bandeira que está no chanzo máis elevado dentro desa grandiosidade. Con ela foi un traballo fácil porque están afeitos a ler e son moi abertos. 

-Que unha banda como Caxade, co grande suceso do seu disco, escolla tocar cunha agrupación popular pode contribuír a botar abaixo prexuízos?

Para min é poética pura, un modelo filosófico. Escoller unha banda popular, e non unha profesional como as municipais, ten un significado. Ademais de coñecer xente dentro, son seguidor do fenómeno de Bandeira onde, trinta anos despois de se xuntar catro señores para facer o antro ido conseguen competir nas primeiras categorías. En Bandeira a música é importante. Nas tabernas fálase máis de música que de fútbol, é unha explosión que non se coñece máis alá e agardo que este proxecto sirva para dar a coñecer o fenómeno e eliminar prexuízos. 

-Van gravar ao vivo o concerto?

Está todo preparado para ser gravado por unha unidade da Radio Galega e polo noso técnico Tomás Axeitos. A idea é editar ese disco. Aínda que sexan as mesmas músicas, o orquestrado sobre o disco vai ser moi novidoso. En principio está previsto que se faga tamén unha minixira de concertos. 

-Contra o que se pensa, é a mocidade a enerxía que está a mover as bandas. Como encaixa coa música de Caxade?

O fenómeno das bandas, certamente, é de xente moza. Quen non veña dese mundo pensa que é cousa de catro vellos e, en realidade é un movemento que move moitísima mocidade que se mete no mundo da música cunha formación moi elevada. Gravar este disco é, en certa medida, darlle a  importancia que merece e dirixírmonos a ese público influenciado polas bandas e que, normalmente, non se achega a Caxade doutra maneira. E viceversa. É dicir, que se acheguen ao discurso reivindicativo de Caxade e que a xente que escoita Caxade do mundo do pop, indie ou o folk coñeza e valore a música que están a facer as bandas. 

-Na pasada edición do Culturgal presentaba o seu primeiro disco. Que balance fai un ano despois?

Tremendamente positivo. Non contaba con tanto apoio que nos dá o público. O Culturgal é un punto de inicio, para nós decisivo. O número de vendas dese día no que foron case cen discos, e só despois dun showcase. Funcionou espectacularmente ben. Tanto é así que apenas uns días despois da estrea no Culturgal a primeira edición estaba esgotada. O arranque foi potente e acompañounos máis de cincuenta concertos de presentación, un número moi grande para os nosos cálculos e para un proxecto que está nacendo. O balance é positivo e non podo menos que agradecer a ese público que se comprometeu coa banda. 

-A súa aparición foi moi ben recibida no panorama musical. Foi a singularidade da súa proposta a que sorprendeu ao público?

Estou satisfeito porque fun cumprindo o que quixen facer. Non tiven que agachar ningunha opción, nin ortográfica, nin musical, nin política. Para min é moi de agradecer que se vexa como unha opción normal e honesta. No que ten a ver co musical é importante que partindo dun xénero tan hermético como o folk conseguise que a mesma xente do folk viñera a Caxade. As letras e as mensaxes están aí. Se sigo dicindo que son folk no sentido do pobo, da palabra, e reivindico os dereitos e deberes do pobo. Tamén hai xente que se achega porque lle gusta o pop ou o indie e atopa en nós un proxecto independente,  arriscado e sen partir de ningún parámetro coñecido.