'UXÍO', DE MARTÍN ROMERO, INAUGURA A MODALIDADE INFANTIL

'A caza', de Alberto Vázquez, premio Castelao de banda deseñada

'A caza', de Alberto Vázquez, premio Castelao de banda deseñada
Lámina da 'Caza', de Alberto Vázquez. Imaxe: Deputación da Coruña.
Lámina da 'Caza', de Alberto Vázquez. Imaxe: Deputación da Coruña.  
“Mundo propio e persoal”, “debuxo expresivo que xera unidade narrativa” e “imaxes que se manteñen na retina do lector”. Con estes argumentos o xurado da 14ª edición do premio Castelao de banda deseñada decidiu distinguir A caza, do coruñés Alberto Vázquez. Ademais premiou Uxío, de Martín Romero, que inaugura a categoría infantil e xuvenil do certame.

A caza será a cuarta obra como debuxante de Vázquez, dotada, segundo o xurado, dun “grafismo moi sólido realizado coa técnica do sumi-e con tinta chinesa [técnica de pintura xurdida no século II na China, considerada 'arte do esencial']”. Nado en 1980, é ademais un recoñecidísimo cineasta de animación.uxío

As súas curtametraxes Birdboy (2012), Psiconautas (2015) e Decorado (2016) obtiveron cadanseu Goya da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas do Estado. Os tres filmes baseáronse en cómics realizados por el mesmo. A nota do xurado do Castelao -organizado pola Deputación da Coruña- comunica ademais que Vázquez vén de rematar a súa primeira longametraxe de animación, Psiconautas, os nenos esquecidos.

Uxío, de Martín Romero (Boiro, 1981), contén “unha filosofía sobre a vida e a cotidianidade dun xeito lixeiro e poético”. A que xa é a primeira obra premiada na modalidade infantil e xuvenil inclúe “un transfondo reflexivo moi intersante para o público infantil e xuvenil”.

Romero tamén é director de cinema de animación e autor de banda deseñada con títulos como As fabulosas crónicas do rato taciturno (2011) ou A débeda (2017).

O xurado do premio Castelao de banda deseñada formárono Gema Sesar, Kiko da Silva, Antonio Navarro e Albert Moneys, ademais da xefa de servizo de cultura da Deputación Mercedes Fernández Albalat e o deputado da área de Cultura, Xurxo Couto.

Nota: debuxo de Uxío, de Martín Romero.