O CDG de Fefa Noia bota a andar con Molière

O CDG de Fefa Noia bota a andar con Molière
Presentación da nova tempada no Salón Teatro xunto con persoas do sector
Presentación da nova tempada no Salón Teatro xunto con persoas do sector  

Segue o tempo das vacas fracas no CDG. Hoxe presentouse a primeira programación anual da compañía de teatro pública deseñada por Fefa Noia, cunha soa produción, 'Tartufo' de Molière dirixida por Carles Alfaro, e dúas coproducións con compañías portuguesas. 


O Centro Dramático Galego (CDG) presentou hoxe os eixos que marcarán o seu programa de actividade até finais de ano, o primeiro deseñado por Fefa Noia como directora da compañía teatral. Unha tempada atípica, como ela mesma describe, “primeiro de todo, porque se presenta en maio”. 

Noia chegou en febreiro para facerse cargo dunha compañía que levaba meses sen cabeza logo da demisión de Manuel Guede e presenta un programa axustado aos tempos. Abrirá con ‘Tartufo’, de Molière, como a única produción propia do ano, e coproducirá así mesmo ‘O conto de inverno’ e ‘Vida e morte de Daniel Faria’, ademais de poñer en marcha o novo programa ‘Dramaturxente’ para impulsar a posta en escena de autores galegos contemporáneos.

No que respecta ás novas achegas, o Centro Dramático Galego recibirá en agosto a Carles Alfaro, recoñecido director do panorama escénico estatal con numerosos traballos para algúns dos principais centros públicos de produción. Alfaro porase á fronte da versión galega de ‘Tartufo’, a peza de Molière emblema da Comédie Française, que se estreará en Santiago o 23 de setembro. Estamos a falar case dun gran formato, con 10 actores en escena. 

Nestes tempos de orzamentos escuálidos a compañía tende pontes con Portugal para botar a andar dúas novas coproducións. En primeiro lugar, a compañía pública galega será unha das entidades implicadas no espectáculo ‘O conto de inverno’, de William Shakespeare, con dirección do portugués Marcos Barbosa e promovido polo Teatro Oficina e o Centro Cultural Vila Flor de Guimarães, ademais de contar coa participación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Diego Anido, José Díaz, Fernando Epelde, Borja Fernández, Marta Pazos e Hugo Torres figuran no elenco desta proposta, que se esterará o 7 de outubro en Aveiro e poderá verse no Salón Teatro en xaneiro do ano que vén.

‘Vida e morte de Daniel Faria’ é o título da segunda coprodución, neste caso xunto ao Teatro Municipal do Porto e o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa. O galego Pablo Fidalgo asinará esta peza, que interpretará xunto a Bruno Senune e a partir da que buscará reconstruír e mesmo comprender a vida do poeta portugués Daniel Faria. O proxecto comezará a coller forma a partir de xuño a través de diferentes residencias artísticas en Portugal e a montaxe chegará a Galicia xa en xaneiro.

Estrea de ‘O mundo persistente’

Nesta liña de traballo con Portugal destaca igualmente ‘O mundo persistente’, segunda entrega do Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’, que está a comezar a súa última etapa de ensaios no Salón Teatro, onde se estreará o vindeiro mércores 1 de xuño.

O dramaturgo galego Fernando Epelde é o autor do texto que dirixe para as táboas o tamén galego Tito Asorey no marco desta rede de intercambio teatral co país veciño na que a Consellería de Cultura e Educación participa a través do CDG e da ESAD. Pola banda portuguesa, están implicadas as escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto, así como os teatros nacionais D. Maria II e São João.

Proxecto Dramaturxente

A dramaturxia galega contemporánea será outra das apostas do novo programa de actividades da compañía pública a través da posta en marcha do proxecto Dramaturxente, que se está a deseñar a partir do diálogo co sector e, en especial, coa nova asociación DramaturGA. O seu obxectivo é impulsar a posta en escena de textos de autoría galega, ademais de promover actividades que aumenten a visibilidade da nosa dramaturxia contemporánea, tanto dentro como fóra de Galicia. Con este fin, en 2016 organizaranse unhas xornadas sectoriais a partir das que se definirán e avanzarán nas principais liñas desta iniciativa.

Valle-Inclán liberado

Con este plan de actividades, o Centro Dramático Galego entrará en 2017, ano no que se liberarán os dereitos de tradución ao galego da obra de Valle-Inclán 80 anos despois da súa morte, “circunstancia que determinará unha parte importante da programación teatral galega dese ano”.