Celebran o 125 aniversario de Asorey sen presentar o programa conmemorativo

Celebran o 125 aniversario de Asorey sen presentar o programa conmemorativo
Francisco Asorey
Francisco Asorey  

Cunha ofrenda floral institucional celebrouse esta terza feira o 125 anos do nacemento de Francisco Asorey, un dos nomes fundamentais da historia da arte galega. O programa oficial da conmemoración aínda se descoñece. 


Un 4 de marzo de hai 125 anos nacía en Cambados o que ía ser un dos nomes fundamentais da historia da arte galega, Francisco Asorey González, escultor e xenio da pedra que deixou obras como os monumentos a Curros Enriquez na Coruña e San Francisco en Compostela ou pezas de referencia como O Tesouro e Naiciña, recentemente aparecida en Arxentina.

Unha ofrenda floral institucional na que participaron o conselleiro de Cultura Jesús Vázquez e os alcaldes de Santiago e Cambados no Panteón de Galegos Ilustres conmemorou  o aniversario nun acto sen apenas público, no que se depositaron flores no lugar onde está soterrado o grande artista. O fillo de Asorey mais a bisneta do artista acompañaron aos cargos institucionais que partillaron na homenaxe. 

Na data na que se conmemoraba o aniversario, as institucións aínda non ofreceron o calendario definitivo do programa que anunciaran dedicado a honrar a figura do artista durante este ano. O alcalde de Compostela, Angel Currás, anunciou que proximamente, xa despois da data do nacemento, presentarán o programa definitivo de actos. Adiantou que se desenvolverán accións de difusión da obra como unha exposición que se mostrará en Compostela e Cambados ou a convocatoria dun certame de escultura.