O COMBO DE JAZZ CELEBRA A SÚA RESIDENCIA NAS CRECHAS

Un cento de domingos con Sumrrá

Un cento de domingos con Sumrrá
Sumrrá. De esquerda a dereita, Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínerz Antelo (contrabaixo) e L.A.R. Legido (batería). Foto: cedida.
Sumrrá. De esquerda a dereita, Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínerz Antelo (contrabaixo) e L.A.R. Legido (batería). Foto: cedida.  

O jazz non é unha teoría, é un acontecemento. Non unha idea, senón unha práctica. Así parece entendelo Sumrrá, o trío compostelán que este domingo, 10 de febreiro, fará o seu concerto número 100 na Casa das Crechas de Compostela. O escenario como hábitat preferente en que a música nace, muta, desenvólvese, afirma a súa praxe.
 


Mais non só. Porque Sumrrá -20 anos en activo, formada polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido- conta seis discos no currículum. O último, 6 mulleres, publicado en 2018, “un tributo a seis mulleres poderosas que foron e aínda son fonte de inspiración na loita dun futuro mellor para toda a humanidade”, expón o grupo nun comunicado.

sumrra - seis mulleres (cuberta, 2018)

A pintora Frida Kahlo, a activista pola igualdade racial Rosa Parks, a poeta Rosalía de Castro, a escritora e teórica feminista exipcia Nawal El-Saadawi, a republicana e revolucionaria chinesa Qiu Jin e a militante paquistanesa a prol dos dereitos das mulleres Malala Yousafzai son as figuras do feminismo que serven para disparar o son de Sumrrá, xusto no lugar en que o hard bop adopta formas do unha vez chamado novo jazz europeo.

O palco das Crechas é, daquela, a base sobre a que Sumrrá constrúen a súa proposta. “Punto de partida e retorno das súas xiras [que abranguen varios continentes], é o espazo onde xestaron novas músicas, e onde semana a semana se pode seguir a evolución” da banda. Desde 2014, un cento de domingos testemúñano.

De feito, o concerto 100 deste 10 febreiro -ás 20.30 horas e cunha entrada de 5 euros- será, alén de cuestións sentimentais e efemérides, apenas unha parada. Porque Sumrrá volverá ás Crechas o 17 e o 24 do mesmo mes. “Un público inesgotábel e insaciábel. O tempo que se detén no soto das Crechas. E a música de Sumrrá que semella infinita”, di a nota promocional.

Nota: cuberta do último disco de Sumrrá, 6 mulleres (2018).