EN GRES (VILA DE CRUCES)

Centos de persoas despiden Neira Vilas


Centos de persoas despiden Neira Vilas

A igrexa de Gres, en Vila de Cruces, ficou pequena para acoller na tarde do sábado o funeral do escritor Xosé Neira Vilas, que finou a pasada sexta feira aos 87 anos de idade.

O féretro do autor de Memorias dun neno labrego foi recibido con sentidos aplausos na tarde do sábado no exterior da igrexa de Gres, onde comezaba a soar o Himno nacional. O crego que oficiou o funeral destacou de Neira Vilas o seu “corazón cheo de xenerosidade”. “Quería que os nenos e nenas como Balbino tivesen unha vida digna”. “Imos seguir convivindo con el porque a súa pegada é moi forte”, engadiu o párroco, quen subliñou que o escritor sempre foi fiel ás súas raíces, “nunca estivo tranquilo até que regresou”.

Participou no acto unha nutrida representación do mundo da política e da cultura. Entre moitas outras persoas atopábanse o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; a deputada do BNG e candidata de Nós, Candidatura Galega, Carme Adán; o ex alcalde de Boimorto e candidato de Nós, Xosé Luís Rivas “Mini”; o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; o escritor e candidato de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello; o actor Cándido Pazó ou o editor Víctor Freixanes.