Cesáreo Sánchez Iglesias, “Galeusca denuncia “centralización regresiva” que esquece as literaturas catalá, vasca e galega”

Cesáreo Sánchez Iglesias, “Galeusca denuncia “centralización regresiva” que esquece as literaturas catalá, vasca e galega”
Cesáreao Sánchez, Guillem Jordi Graells e Ander Iturriotz
Cesáreao Sánchez, Guillem Jordi Graells e Ander Iturriotz  
Nun momento de centralización regresiva, as literaturas catalá, vasca e galega pulan pola “normalización” das culturas das súas nacións e denuncian o esquecemento ao que son sometidas polos poderes centrais. Representantes das Asociacións de Escritores e Escritoras da Galiza, Cataluña e Euskadi chegaron a esta conclusión no Congreso da Federación Galeusca que tivo lugar o 26, 27 e 28 de outubro en Donosti. O próximo ano o encontro celebrarase na Galiza.

“Oralidade. O que se escribe para dicir”, foi o lema do encontro das tres literaturas nacionais en Donosti mais, tras tres días de posta en común e debates arredor da literatura e a súa situación, aprobáronse unhas conclusións que, como en anos anteriores, camiñaban cara a reclamar a normalización das tres realidades nacionais.

"Nos territorios da escrita creativa xa hai tempo que exercemos o principio da autodeterminación e temos un estado propio” comenta o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras Galegas, Cesáreo Sánchez Iglesias á volta da xuntanza en Donosti. Recoñece na literatura  “unha patria liberdade nunha realidade política adversa e unha realidade social dolorosa” despois dun novo Galeusca que, máis unha vez, serviu de convivio e encontro entre representantes dos tres ámbitos literarios. Antonio Reigosa, Xurxo Souto, Vanesa Sotelo, Mercedes Queixas e o propio Cesáreo Sánchez tomaron parte da delegación galega. 


As conclusións aprobadas na xuntanza do Galeusca 2012 denuncian que os “medios de comunicación de ámbito estatal como reflexo da política activa das estruturas gobernamentais, negan e invisibilizan todas aquelas manifestacións literaturas que se producen nas nosas nacións”. Diante dos procesos históricos que están a vivir as tres nacións sen estado para conseguir maiores cotas de soberanía, os escritores e escritoras anuncian que seguirán “a traballar para acadarmos a plena normalización das nosas realidades nacionais e, en consecuencia, das nosas culturas e sistemas literarios”.

Galeusca constituiuse formalmente como federación hai cinco anos mais os encontros levan celebrándose desde hai vinte e nove. Cada dous escóllese unha presidenta ou presidente entre as tres nacións, e foi precisamente na xestión do galego cando o Parlamento español, con Francisco Jorquera como representante, aprobou unha proposición pola cal instaba o goberno a promocionar, protexer e difundir as tres literaturas sen estado, alén de colaborar coas Asociacións de escritores e escritoras xa que, polo de agora, o ministerio só colabora economicamente coa entidade que representa a literatura española. No encontro de Donosti acordouse, entre outras cousas, facer xestións diante do ministerio para que materialice esta proposición chamada “Medidas para que o Ministerio de Cultura asuma a multiculturalidade e plurilingüismo existente no estado no sector da literatura” que fora entón aprobado pola unanimidade da cámara.

O próximo ano, na Galiza 

Canto ao tema do encontro, a “oralidade”, segundo Cesáreo Sánchez valorouse a “importancia de outorgarlle prestixio porque permite a accesibilidade máis directa e honesta ás clases máis populares e ás raíces máis profundas da sociedade. Neste sentido, desde moitos medios de carácter estatal sempre que aparece é como elemento exótico menosprezado”.

O ano que vén o Galeusca recalará na Galiza e as asociacións están a valorar que o tema sexa a literatura infantil e xuvenil, ámbito no que a galega ocupa unha posición privilexiada.