NO SEU PRIMEIRO CABODANO

O CGAC homenaxea a pintora Berta Cáccamo

O CGAC homenaxea a pintora Berta Cáccamo
A pintora Berta Cáccamo. Foto: cedida.
A pintora Berta Cáccamo. Foto: cedida.  Foto: Xurxo Lobato

A pintura de Berta Cáccamo transitou os vieiros da abstracción. Pero unha abstracción emotiva, acolledora, talvez no esteiro da seu admirado Joan Miró. Vencellada ao grupo Atlántica que renovou a plástica galega na década dos 80 do pasado século, Berta Cáccamo morría hai agora un ano con apenas 55 de idade. O CGAC réndelle homenaxe esta sexta feira, 10 de maio.
 


O acto, sucintamente titulado In memoriam, será ás sete da tarde no auditorio do museo compostelán. Intervirá o seu director, Santiago Olmo, canda o poeta e irmán da artista Xosé María Álvarez Cáccamo, que lerá o seu poema longo Berta, acabado de publicar en Chan da Pólvora. Tamén estarán Carlota Álvarez Basso, Juan Martínez de la Colina, Juan de Nieves, Miquel Mont e Anne-Marie Cornu.

Esta última presentará o filme Un recorrido con Berta, gravado entre 2017 e 2018, co que concluirá o acto do Centro Galego das Artes Contemporáneas en lembranza da artista nada en Vigo cuxa linguaxe a crítica Estrella de Diego definiu como “posminimal, herdeiro dos deslizamentos da pintura de Morris Louis ou das manchas de cor de Frankentahler”.