Chega o I Festival dos Premios Martín Códax da Música

Chega o I Festival dos Premios Martín Códax da Música
Premiados nos II Premios Martín Códax
Premiados nos II Premios Martín Códax  

Neste ano 2015 non haberá Premios Martín Códax da Música galega, que se adían até 2016, pero -para compensar- créase o I Festival co mesmo nome, que terá lugar en Compostela do 15 ao 17 de outubro.


Os Premios Martín Códax da Música, que viñeron ocupar un oco clarísimo na música galega, están bastante afianzados xa na escena nacional, pero un cambio de datas provocou o seu adiamento até a primavera de 2016. Iso provocou que os seus promotores, a Asociación de Músicos ao Vivo, organizaran este ano o I Festival dos Premios Martín Códax da Música, onde poderemos escoitar os traballos de todos aqueles que foron premiados na última edición.

Este evento vaise realizar en varios escenarios compostelás como o Salón Teatro, o Teatro Principal, o CGAC ou a Zona C, ademais da Praza de Abastos e a Quintana. A quinta-feira acollerá na Zona C concertos de Cró! E SubRosa; na sexta, Wöyza, Cuarteto Caramuxo e Sumrrá ocuparán o Principal; e o sábado a Capitol recibirá a Ataque Escampe, Cats and Monkeys, Zamaramandi e Nao.

Os Premios Martín Códax da Música naceron en 2013 “para recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas; revelar novos talentos e achegar a música e o seu proceso de produción ao público”. Patrocinados por esta cooperativa vitivinícola, están organizados pola Asociación Músicos ao Vivo, creada en 2008 e que conta con máis de 300 socios.