O BANQUETE DEMOCRÁTICO

Chega a II edición da festa que homenaxea o Banquete de Conxo

Chega a II edición da festa que homenaxea o Banquete de Conxo
Edición da Festa do Banquete de 2018 [Imaxe: Concello de Compostela]
Edición da Festa do Banquete de 2018 [Imaxe: Concello de Compostela]  

A carballeira de Conxo acolle por segundo ano a Festa do Banquete, que chega cargada de diversas actividades durante os días 3, 4 e 5 de maio para lembrar aquel Banquete Democrático de 1856.


A segunda edición da Festa do Banquete chega a Compostela con múltiples actividades que se desenvolverán nos días 3, 4 e 5 de maio para difundir e manter na memoria o Banquete Democrático de Conxo celebrado no ano 1856 entre estudantes e obreiros (artesáns) realizado no antigo concello de Conxo, de ampla repercusión en toda Galiza e que xerara arrepíos entre os poderosos.

1524397394707


A Festa do Banquete, organizada polo concello de Santiago e coa participación do asociacionismo veciñal, trae na súa segunda edición algunhas novidades na programación, como é o feito de xa comezar en sexta feira con actividades pensadas para as crianzas, coa representación da “Aventura das sete landras” e a do “pequeno banquete” na Carballeira de Conxo, na que o alumnado do colexio Quiroga Palacios de Santiago e o Xan Baña de Santa Comba gravan un videoclip sobre a temática do banquete.

O Banquete Democratico de Conxo foi un xantar de confraternidade entre estudantes e obreiros (artesáns)

A sexta feira ás 19 horas tamén está programado un obradoiro de cantos de taberna no centro cívico de Conxo e xa cara á noitiña, ás 21 horas, comezará a actuación dos “Catares de Conxo” con tamén cantos de taberna polos bares do barrio.

1524397333689O sábado 4 de maio, con saída ás 11.30 horas desde o centro cívico de Conxo, terá lugar o roteiro botánico e histórico polo bosque onde se celebrou o banquete, guiado polo biólogo Martín Souto e polo escritor Henrique Alvarellos. Posteriormente, ás 17 horas celebrarase unha mesa redonda sobre a historia e situación actual do movemento veciñal en Compostela, tamén no centro cívico. Contra as 19 horas, ante a escalinata do hospital, será a quenda do concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo, a Coral de Amigos do Castiñeiriño e o Coro de Habaneras Rocha Forte.

A xornada do sábado rematará na praza Aurelio Aguirre coa Festa da poesía

A xornada do sábado rematará na praza Aurelio Aguirre coa Festa da poesía, conducida por Carlos Meixide e coas cancións de Alba María, Os Tres Pés, o rap de Flow de Toxo e coa poesía de Berta Dávila e Oriana Méndez.

O domingo arrincará ás 11 horas co desfile teatral “Alá van estudantes e artesáns” desde a praza do Toural de Compostela até Conxo. Á chegada será o agardado pregón. Ás 13.30 a carballeira de Conxo acollerá o concerto de Caxade e máis unha recreación teatral do que foi o histórico banquete. Para os brindes da veciñanza e as persoas que acudan está organizado o xantar e a romaría, que rematará con foliada e a despedida a cargo de veciñas e veciños dos barrios da zona.


O Banquete de Conxo 


O Banquete Democratico de Conxo foi un xantar de confraternidade entre estudantes e obreiros (artesáns) realizado no vello concello de Conxo, ao pé de Compostela. Un encontro que tivo unha ampla repercusión en toda Galiza. A iniciativa foi de Aurelio Aguirre, estudante de dereito e poeta, persoa con predicamento entre os universitarios e o artesanado da cidade.

O acto realizouse despois da grave crise económica de 1852 a 1855 que abrangue a agricultura, mais tamén ás principais casas comerciais e paraliza a industria; o que dará pulo á emigración cara América e provoca motíns en varias cidades. Un acto que ademais amosa a superación da represión posterior á insurreción progresista e provincialista/protonacionalista de 1846 e que derivou nos afusilamentos de Carral. No xantar participaron Aguirre, Pondal, Rodríguez Seoane, Camino, Manuel Murguía, e seica Paz Nóvoa, así como Rosalía de Castro. Estes mozos formaban parte do Liceo da Mocidade compostelán. Daquela as ideas socializadoras e democráticas agromaban entre os obreiros tipógrafo.


Este acto de fraternidade celebrouse dez anos despois da falida revolución de Carral e os seus promotores foron ameazados co desterro.