'UN LIBRE FAVOR' É O SEU DÉCIMO PRIMEIRO LIBRO

Chus Pato: poemas sobre a vida contraria á mercadoría

Chus Pato: poemas sobre a vida contraria á mercadoría
A poeta Chus Pato. Foto: cedida.
A poeta Chus Pato. Foto: cedida.  

Son voces que cantan á igualdade, refugan a idea de propiedade, pensan a vida como antítese da mercadoría. Atravesan tecidos vexetais, edificios que vibran, ao fondo os faros, deuses, pedras, os animais, incluídos os sapiens. Un libre favor (Galaxia, 2019), décimo primeiro libro de Chus Pato, explora ademais o que a autora denomina “contención do eu autorial” na escrita.


“Concibo o poema como unha atención, unha escoita, como un tacto ou unha intelixencia cara a certos usos da linguaxe que chamarei poéticos”, explica Pato (Ourense, 1955) a Sermos Galiza vía correo electrónico. Que en Un libre favor se enfrontou ademais á necesidade de “dominar a ansiedade” no traballo coa materia poética. O poema como acción sensíbel de intervención, ao cabo.

Dous eixes sosteñen unha obra de elevada densidade. Sintetízaos en dous conceptos que respiran ao longo das páxinas do libro, o natal e a mímese arcaica. O primeiro nace nun verso do poeta alemán usualmente adscrito ao romanticismo Friedrich Hölderlin. “O natal é o máis difícil', dicía. Eu reflexionei moito sobre iso, porque o natal é a patria, é abrir os ollos, é o contacto coa vida”, afirma, “e a vida nunca nos pertence, nacemos sen querer nacer e morremos sen querer nacer. É impropia, non temos propiedade sobre ela”.un libre favor - chus pato (cuberta)

Esta carencia de propiedade é a que leva a poeta a interpretar a vida como “o máis afastado da mercadoría, das leis do mercado e do capital”. Un libre favor contén esta densidade teórica en poemas de implacábel beleza e ángulos dourados. “Iamos cos errantes / trataba de roubarlle aos defuntos a moeda que traían para pagar a barca / non sabía que eu xa cruzara o mar / O teu corpo era o esquezo / o que nunca se pode lembrar / era primavera / nadaba”, escribe.

A mímese arcaica, concepto que foi antes obxecto dun ensaio da autora publicado en euseino.org, enténdea como “unha forza, a poiese, común a todos os seres do universo”. “A mímese arcaica iguálanos a todos, mais esa forza, semellante ao conatus de Spinoza [o “esforzo para perseverar no seu ser”, segundo a filosofía deste último] é ás veces cega, pode ser destrutiva”, di.

“Nosoutros / das fragas e dos errantes cabaleiros / hai tempo / que nos fomos / pero a herba alta de maio / -os merlos entérranse nela- / e as errantes amazonas / caen / despréndense do libro”, inicia outro poema. Para Chus Pato, a dicotomía entre natureza e cultura “deixou de ser efectiva” para a maneira en ela.

A linguaxe, e velaquí outra liña de forza de Un libre favor, non distingue a especie: “É unha das posibilidades do animal sapiens e non como algo que nos fai, aos sapiens, superiores ao resto das especies. A linguaxe é a natureza nos sapiens”. “cando digo 'esa forza é a natureza' / digo 'a linguaxe sapiens é a natureza' // esa é a meditación”, afirman tres versos. Non existe derrega entre o material e o ideal, engade, porque “a poesía é algo tan material como calquera das tecnoloxías sapiens, todas derivadas do feito de vivirmos baixo o límite dunha forma corporal e finita”.

Poesía e comunicación

A obra de Chus Pato é unha das máis influentes, traducidas, enigmáticas, consideradas, insólitas, da poesía galega recente. Numerosos poemas de Un libre favor, dalgún xeito construídos en territorios abertos polo anterior Carne de Leviatán (Galaxia, 2013), diríxense a unha segunda persoa. “A comunicación do poema sería unha botella guindada ás augas do océano que trata de chegar ao areal do corazón”, responde a poeta, e remite a unha das presenzas tutelares na súa literatura, o ruso Ósip Madelstam.

O poema non comunica como “un amo ou ama que se dirixe a un escravo, non é xerárquico”, senón que a linguaxe estabelece relación “coa estrutura poética da vida, a que permite falar alén da dicción dos contrasinais”. “A mao xunta as palabras / a miña / que non calibra a dimensión das letras e a extensión do muro”, di, “arriba / unha bala atravesa o berro / separa as letras / as sílabas / os corpos rodan desde o lume”.

Un libre favor, finalmente, consolida o traxecto da poeta posterior a Secesión (Galaxia, 2009) -en que Pato levou a demolición de fronteiras xenéricas a un punto de non retorno. “Ocorre que este se escribe logo de dez libros anteriores, o propio poema rexeita poemas que xa foron amosados, deixa de amosar as partes do proceso que xa ten automatizadas”, indica, “o poema non quere repetir o que xa está escrito”.