DE 8 A 28 DE NOVEMBRO

O ciclo Butaca de jazz inundará A Coruña de música

O ciclo Butaca de jazz inundará A Coruña de música
O trío formado por Serrano, Colin e Carmona, que participa no Butaca de Jazz
O trío formado por Serrano, Colin e Carmona, que participa no Butaca de Jazz  

O ciclo de concertos Butaca de Jazz celebrarase na Coruña no mes de novembro, con catro eventos que traerán o cuarteto de María Toro; Chicuelo e Mezquida; Carmona, Colina e Serrano e Jeff Ballard Trío.


A Coruña acollerá o ciclo Butaca de jazz, cun cartel de catro concertos organizados baixo a dirección artística de Inés Portela, que traerán á cidade herculina influentes artistas do panorama internacional. Terá lugar de 8 a 28 de novembro, mais as entradas e abonos están xa dispoñíbeis.

Artistas

O cuarteto da coruñesa María Toro inaugurará o ciclo na sexta feira 8 de novembro. Cunha traxectoria marcada pola sólida formación e múltiples colaboracións, presenta na súa cidade natal o seu último traballo, Ararás, no que destaca a influencia musical brasileira.

A quinta feira 14 de novembro a guitarra flamenca de Chicuelo e o piano de Mezquida exporán tamén o seu álbum máis recente, No hay dos sin tres. Acompañaraos o percusionista Paco de Mode, con quen xa compartiron escenario en Alemaña, Austria ou Xapón.

A harmónica de Antonio Serrano, o contrabaixo de Javier Colina e a guitarra de Josemi Carmona traerán na quinta feira 21 de novembro o seu son entre jazz e flamenco, que xoga coa maxia intuitiva da improvisación, cunha técnica depurada e cargada de experiencia.

Jeff Ballard, músico recoñecido internacionalmente, dará peche á programación do Butaca de jazz. Batería habitual de Brad Mehlday, compartiu escenario con grandes nomes do jazz como Ray Charles, Chick Corea, Pat Metheny ou Joshua Redman. A súa música móstrase ateigada de improvisacións e toques sutís doutros xéneros, que se moven desde os grooves máis funkies até o ambiente minimalista. Nesta ocasión estará acompañado por David Virelles no piano e Seamus Blake ao saxofón.