DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Ciclo de cinema sobre a muller no CGAI

Ciclo de cinema sobre a muller no CGAI
Chantal Akerman
Chantal Akerman  

Arrinca mañá terza feira o ciclo de cinema “Olladas de mulleres no mundo”, que o CGAI organiza por mor do Día da Muller, en colaboración co Consello da Cultura Galega(CCG). 


“Olladas de mulleres no mundo” bota a andar o 8 de marzo, o Día da Muller Traballadora, até o sábado e permite ver a través de proxeccións e coloquios o cinema feito tanto en Galiza coma noutras partes do mundo desde unha perspectiva de xénero. As galegas Diana Toucedo e Xisela Franco xunto coa realizadora belga Chantal Akerman, recentemente falecida, conforman o programa desta edición.

Este ano, ademais das sesións dedicadas a Creadoras Galegas de Imaxe, con películas de Diana Toucedo, Illa Bufarda  e Xisela Franco, inclúe unha pequena homenaxe á realizadora belga Chantal Akerman (1950-2015) con dúas películas que xiran arredor da súa relación coa nai, News from Home (1977), que se proxectará en versión restaurada, e No Home Movie (2015), a súa última longametraxe, presentada pouco antes do seu falecemento en outubro do ano pasado. O ciclo inclúe tamén a polémica Paulina, de Santiago Mitre, remake do thriller arxentino do mesmo nome que dirixiu Daniel Tinayre en 1961, que chega ao ciclo tras acadar varios premios en distintos festivais (Cannes e San Sebastián).

A programación

O ciclo arrinca mañá terza feira, 8 de marzo, ás 20:30 horas, coa proxección de “En todas as mans”, documental de Diana Toucedo arredor dos montes veciñais en man común. Encarna Otero, membro da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura, será a encargada da presentación.

O mércores 9, ás 18:00 horas, terá lugar a proxección de “Fíos Fóra”, o documental de Illa Bufarda sobre o traballo das mulleres galegas no sector téxtil nos anos 60. Na sesión das 20:00 horas proxectarase "News from home" de Chantal Akerman. Este filme componse de planos da cidade de Nova York sobre os que a voz de Akerman le as cartas que lle enviou á súa nai nos anos que viviu na cidade (entre 1971 e 1973).

As dúas sesións (18:00 e 20:00 horas) do xoves 10 permitirán ver o último filme da realizadora belga, "No home movie", no que reconstrúe a historia da súa nai desde un punto de vista moi persoal. 

O venres 11 proxectarase o polémico filme de Santiago Mitre “Paulina. La patota”, que narra a historia dunha avogada que traballa nun programa de defensa dos dereitos humanos nunha periferia urbana e que un día é atacada por unha “patota” (pandilla).

Tres traballos de Xisela Franco (“Cruz Piñón”, “Santiago, olladas de perfil” e “A última batea”) poñen fin a este ciclo na xornada do sábado.



x