CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Como unha cineasta sobrevive a un filme de encargo

Como unha cineasta sobrevive a un filme de encargo
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  


GALVESTON

(EUA 2018, 91 min.) 

Dirección: Mélanie Laurent
Guión: Jim Hammett 
Fotografía: Arnaud Potier
Música: Marc Chouarain
Elenco: Ben Foster, Elle Fanning, Beau Bridges, María Valverde, Lili Reinhart, Jeffrey Grover, C.K. McFarland, Robert Aramayo, Rhonda Johnson Dents

SINOPSE

Roy Cady, un asasino a soldo con cancro de pulmón, cae nunha trampa mentres realiza un encargo. Na fuxida rescata unha adolescente e refúxianse en Galveston, cidade natal de Roy. Desde alí planeará a súa vinganza.
 
 

CRÍTICA

A actriz francesa Mélanie Laurent —a Shosanna de Malditos Bastardos (2009, Quentin Tarantino)— leva xa uns anos tratando de labrarse un nome como cineasta. Debutou na dirección con Os adoptados en 2011, á que lle seguiu Respira en 2014 e Plonger no 2017, pero a que lle proporcionou maior repercusión internacional foi a longametraxe documental Mañá, coa que acadou un Premio César en 2015.

Con Galveston acepta un filme de encargo para probar o mel (o fel, máis ben) de Hollywood. Utilizando o alcume de Jim Hammet, o creador de True Detective, Nic Pizzolatto, adapta a súa primeira novela, escrita antes da afamada serie. Trátase dunha road-movie con tinguiduras de thriller protagonizada por Elle Fanning (Mary Shelley) e Ben Foster (Comanchería) que narra as tribulacións dun sicario ao que tenden unha trampa mentres realiza un encargo. No ínterim atopa unha rapaza en perigo á que rescata e coa que foxe a súa cidade natal: Galveston. Ao mesmo tempo que planea a vinganza nun motel de mala morte, comeza a atopar sentido a súa vida.

A pesar de estar chea de lugares comúns apréciase o esforzo por dar entidade propia a unha historia que ben podería saír de mesturar o comezo de Ruta suicida (1977, Clint Eastwood), a actitude pasivo-agresiva de Drive (2011, Nicolas Winding Refn), a infeliz atmosfera de Florida Project (2017, Sean Baker) e o pesimismo de En realidade nunca estiveches aquí (2017, Lynne Ramsay).

O filme consegue despegar após de ter que aturar unha presentación de personaxes estereotipada ata o infinito. Resulta estraño tamén que o rol que interpreta Foster, suposto home enfermo de cancro de pulmón, non teña tose máis a miúdo. Un feito que, aínda que pensando en frío semelle máis un fallo de quedar na sala de montaxe que de dirección ou guión, a min, persoalmente, sacoume da película en máis de unha ocasión.

Co todo, as interpretacións de Foster e Fanning son máis que suficientes como para que non decaia o interese e aguantemos ata o clímax final, un bo final precedido dunha secuencia bastante menos boa. Testemuñal, pero moi agradecidas, son as presenzas de María Valverde, que xa aparecía en Plonger (o filme previo da directora), e dun Beau Bridges (Os fabulosos Baker Boys) que leva toda a vida abocado a aceptar miniseries e filmes de segunda por mor da alongada sombra do seu irmán Jeff... algo que resulta do máis axeitado pois Galveston non deixa de ser un filme de perdedores. 

Malia que con altibaixos, Mélanie Laurent continua a amosar moito talento, cousa que soubo apreciar o exixente público de Cineuropa Compostela 2018, que vén de valorar Galveston cun meritorio 6,95 (sobre 10).