22 E 23 DE FEBREIRO

O cinema das mulleres centra a Escolma de Sarria

O cinema das mulleres centra a Escolma de Sarria
Detalle do cartaz da cuarta edición da Escolma de Cinema Galego de Sarria, que será o 22 e o 23 de febreiro. Imaxe: cedida.
Detalle do cartaz da cuarta edición da Escolma de Cinema Galego de Sarria, que será o 22 e o 23 de febreiro. Imaxe: cedida.  

O que algunha crítica atinou a sintetizar como Novo Cinema Galego continúa á conquista de novos territorios. Unha das últimas fronteiras atravesadas é a da muller: as cineastas ocupan posicións cunha serie de filmes que o pasado ano inzaron festivais e carteleiras. A cuarta edición da Escolma de Cinema Galega de Sarria céntrase no fenómeno.
 


A longametraxe debut de Anxos Fazáns A estación violenta conformará unha das pezas estrela da mostra. Baseada nunha novela de Manuel Jabois, ofrece un retrato de vellos amigos que, co tempo, se volven atopar. Ana Cebra achega Os fillos da vide, cinema do real coas cepas viñateiras como motivo.

Diana Toucedo está a piques de estrear en salas Trinta Lumes, unha obra en absoluto convencional rodada durante seis anos no Courel que xa percorreu algúns dos festivais de maior relevo de Europa. Será outro dos pases da Escolma. Como a tríada de curtas de Adrián Canoura, O porco e o seu espírito, Salitre nas veas e Caerán lóstregos do ceo. Esta última salientouna a teórica e crítica francesa Nicole Brenez entre o mellor do cinema de 2018.

No apartado musical, Baiuca e o seu cruzamento de electrónica avanzada e músicas galegas tradicionais será un dos pratos fortes.

Organizada polo Concello de Sarria e dirixida por Alberte Branco -el mesmo cineasta-, este ano será a sexta feira 22 de febreiro e o sábado 23 na Casa da Cultura. As actividades serán de balde.



x