ADAPTACIÓN ESCÉNICA DO LIBRO DE FERRÍN

O circo aprópiase de 'Arnoia, Arnoia'

O circo aprópiase de 'Arnoia, Arnoia'
Equipo e elenco de 'Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena'. Foto: CDG.
Equipo e elenco de 'Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena'. Foto: CDG.  

Ese relato de iniciación á vida adulta, épico e alegórico como adoita o seu autor, que se titula Arnoia, Arnoia (1985) será circo. O Centro Dramático Galego, en coprodución coa compañía Pistacatro e baixo a dirección de Quico Cadaval, estrea esta quinta feira 11 de outubro a adaptación da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, subtitulada O circo da casa pequena.
 


A peripecia de Nmógadah, príncipe segredo das terras de Arnoia, muta nun espectáculo en que as habelencias circenses de Pistacatro axudan a resolver non poucos lances escénicos. “Nmódagah, un adolescente de 16 anos, perde os seus seres queridos naguerra”, resume a nota do CDG, “a partir deste momento, vese só para iniciar un camiño asexado por perigos, que adquiren forma de luminosos e inquietantes artistas de circo”.

Malabares e acrobacias, música en directo e danza que linda coa ximnasia, puntúan a lectura de Cadaval sobre o clásico de Ferrín. No escenario, as actrices Ánxela Blanco, Beatriz Rubio, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro e Álvaro Reboredo. A iluminación e a escenografía é de Baltasar Patiño, o vestiario de Carlos Alonso, e a música de Xurxo Pinheiro. Como axudantes de dirección, Marcos Ptt Carballo e Clara Gayo.

A primeira representación de Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena será este 11 de outubro ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Nese escenario, o habitual da compañía pública de teatro, ficará en cartel ate o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábado ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas. Tamén haberá pases matinais dirixidos a escolas e institutos.



x