XACOBE M. ANTELO, DE SUMRRÁ

"A clave é deixar tranquila a música"

"A clave é deixar tranquila a música"
Sumrrá (de esquerda a dereita): Manuel Gutiérrez, Xacobe M. Antelo e LAR Legido.
Sumrrá (de esquerda a dereita): Manuel Gutiérrez, Xacobe M. Antelo e LAR Legido.  

Sumrrá é un trío de jazz que conquistou antes territorios alleos que propios, aínda que nos tres últimos anos poden escoitalos en Compostela os domingos sen xira. Falamos co seu contrabaixista, Xacobe Martínez Antelo, logo de viren de Centroamérica e antes de marcharen a China. Non paran. 


- Vides de facer unha xira de Centroamérica e agora empezades outra por China. Logo de tantos anos, chegou a hora de Sumrrá?
- Nunca se sabe, isto é unha carreira de fondo, e como eu digo sempre, con Sumrrá a verdade é que hai esa sensación de que non hai fin, o único que pode pasar é que á xente lle deixe de interesar o que facemos, pero por nós estamos encantados. Non sempre tivemos épocas tan activas coma esta. Tivemos anos de tocar moi pouco. E a verdade é que nos últimos anos, non se sabe moi ben por que, todo apunta a Sumrrá e estamos a tocar moito. Fai que o proxecto colla unhas dimensións novas, e a verdade é que agora mesmo estamos nun momento no que nunca foi tan fácil tocar, nunca foi tan divertido e parece que o público o capta todo e o disfruta. Así que estamos encantadísimos. 

- Cantos anos levades xuntos?
- Estamos facendo 17, e ademais fructíferos, porque estamos agora mesmo preparando o sexto disco. Temos cinco discos editados con todo material orixinal composto por nós, con épocas de traballo moi intenso, porque cada disco é un proceso de traballo creativo moi ntenso.

Con Sumrrá a verdade é que hai esa sensación de que non hai fin, o único que pode pasar é que á xente lle deixe de interesar o que facemos

- Nos últimos anos estivestes en África, en Asia... Que pasou para que todo agrome agora?
- A primeira saída un pouco grande de medirnos fóra foi a raíz do segundo disco. E démonos conta de que non nos coñecía ninguén. Levabamos cinco anos traballando coma tolos, e a partir de aí empezamos a tomar consciencia de que hai que currarse moito que te coñezan fóra, nun momento no que a Internet era outra cousa, non había esta tolería da hiperconectividade que hai agora. Foi co terceiro cando xurdiu a posibilidade de empezar a traballar con Inés Portela e saíu a primeira xira de Sudáfrica, que foi en 2008 ou 2009. Ao poñernos nun contexto foráneo démonos conta de que Sumrrá funcionaba incluso mellor que aquí. Vendemos moitísimos discos. A xente falábanos como se foramos representantes do jazz europeo e nós nunca sairamos a Europa a tocar [risos]. Iso é un enganche porque é como medrar e de repente ser adulto. Estaste testando nun escenario internacional con grandes de todo o mundo. Logo tivemos pequenas incursións: en Bulgaria, en París, en Bolivia, no Tanjazz de Marrocos. E en Corea o ano pasado, onde tivemos a sensación de que a xente se conectaba ao minuto e medio. E agora vimos desta xira intensísima por cinco países de Centroamérica. Moi contentos, moi namorados e cunha gana de volver incrible, porque para a xente que podemos falar castelán o nivel de conexión é tan automático, que é sorprendente como non hai unhas pontes artísticas e culturais máis estables e máis fortes. Porque a conexión que houbo alá foi incrible, quedamos enganchados. 

Ao poñernos nun contexto foráneo démonos conta de que Sumrrá funcionaba incluso mellor que aquí.

- E en auditorios grandes. Está o jazz a deixar de ser un estilo minoritario a nivel internacional?
- Nós sempre fomos a espazos grandes. Fixemos concertos para 8.000 persoas, o jazz pode ter ese grao de disfrute, non precisas esa imaxe de club de jazz, catro da mañá, fume... Hoxe en día hai disciplinas tan distintas que entran dentro do jazz e a verdade é que con Sumrrá a sensación é que hai moitos momentos do concerto en que non parece un concerto de jazz. Nese sentido, a nós dános igual que sexa escenarios grandes, pequenos, clubes... Entramos na nosa película pronto e intentamos conectar coa audiencia que haxa. 

- En Galiza como está a escena jazzística? Segue a ter difícil entrada?
- En Galiza que disciplina artistística ten entrada fácil? Todo o que non sexa unha praza nunha banda municipal ou nunha orquestra, ten todo un nivel de voluntarismo e precariedade que xa pasa de ser encomiable a ser case unha condena. Realmente o nivel de desinterese de toda a cobertura institucional... Así como ninguén pon en dúbida que a sanidade, a educación e as infraestruturas son unha cousa de todos, parece que a cultura é só dos que se dedican á cultura. Ao final tiras de decisións vitais, de querer dedicar a túa vida ao que sintes que te tes que dedicar, pero non é unha decisión empresarial, é unha decisión persoal, porque é inviable. Eu sempre digo o mesmo: o jazz en Galiza a nivel axenda política é absolutamente inexistente. Eu levo anos escoitando da gran canteira de músicos galegos, formados fóra, con traxectoria internacional... pero a realidade é que non hai un circuíto de jazz galego onde amosar o que facemos. Hai moitos músicos excelentes con proxectos discográficos salientables que non teñen un só espazo onde amosar dignamente o que fan, esta é a realidade. Anos atrás a Rede Galega de Teatros e Auditorios tiña espazo para concertos, pero cos recortes quedaron só co teatro. Non hai un circuíto nin un espazo para o jazz, non só para os de aquí senón para escoitar artistas doutros lugares. Isto é un sálvese quen poida e... a tocar a China! Basicamente funciona así. 

A nós dános igual que sexa escenarios grandes, pequenos, clubes... Entramos na nosa película pronto e intentamos conectar coa audiencia que haxa. 

- Con tanto ir e vir, ides continuar sendo a banda residente nas Crechas, onde tocades moitos domingos?
- Si, voltaremos en maio, ao voltar de China. O noso hábitat natural é o directo, tanto ten que sexa un clube ou un festival grande. E gústanos facer unha residencia semanal na nosa cidade. A aposta foi nosa, decidimos querer tocar na nosa cidade. E até que o público queira, nós imos estar aí. Esta é a terceira temporada, e non podemos estar todos os domingos, porque estamos tamén por fóra, pero o público sigue enchendo os domingos e é unha pasada. Non podemos esquecer que estamos a facer  jazz, só o noso repertorio, e somos un trío instrumental de jazz todos os domingos. E segue a vir xente. Somos plenamente conscientes de que mentres teñamos público imos seguir estando nas Crechas. 

España é un pouco un páramo

- Saltastes ao mercado internacional sen pasar por España.
- España, joe España... Cando vas polo resto de Europa decátaste de que España é un pouco un páramo. É complicado abrir un oco nas escasas programacións de jazz que hai. Hai algunhas mostras moi afeccionadas, e outras grandes que sempre van chamar alguén como Kenny Garrett, un cabeza de cartel. E nós sempre fomos traballadores da música, nunca fixemos nada na música que non fora pagado. E a moita xente aínda lle custa entrar nesta dinámica. Estivemos xirando nalgún festival, xirando con 1906... si temos estado, pero non tanto como nos gustaría. A nosa capacidade de traballo é moi superior á presenza que temos. Se cadra despois de 25 ou 30 anos poden entender que podes estar nunha programación de jazz aínda que non sexas cabeza de cartel. Nós confiamos en traballar máis. 

Todo o que non sexa unha praza nunha banda municipal ou nunha orquestra, ten todo un nivel de voluntarismo e precariedade que xa pasa de ser encomiable a ser case unha condena.

- Como definiriades a proposta musical de Sumrrá?
- Desde o primeiro momento intuimos os tres que a clave é deixar tranquila a música [risos]. A maioría dos grupos non funcionan porque non deixamos a música tranquila, pero eu creo que a base é esa. Nós aceptamos e respectamos até o infinito aos compoñentes do proxecto. Eu sinto admiración tanto por LAR Legido como por Manuel Gutiérrez. Considérome afortunado por estar tocando con eles. Eu acepto, eu aprendo deles, tento ser o mellor contrabaixista posible para eles dous. E sinto o mesmo deles cara a min. Sinto que me arroupan, que me respetan e que me dan o que necesito. Ese é o pacto tácito que temos entre nós. Basicametne o que hai é un deixar a música ser. Despois veñen todas as etiquetas, identificacións, referenzas... e nós aceptamos todo: temos todas as influencias do mundo. Somos jazz europeo, jazz de vangarda, jazz español, jazz americano, jazz free, eu que sei. O que todo o mundo diga está guai, non levamos ningunha bandeira. E basicamente non che podo dicir moito máis do que facemos, a verdade. 



x