CRÍTICA DE CINEMA

'Cold War', por Andrés Castro

'Cold War', por Andrés Castro
cold war
cold war  

Irena e Wiktor percorren todo o país na procura de talentos para a súa agrupación folclórica. No medio dunha audición, Wiktor namora de Zula, unha bela campesiña afeccionada ao canto. É o inicio dunha apaixonada historia de amor que tratará de prevalecer en tempos de Guerra Fría.


Cold War foi a gran vencedora dos Premios do Cinema Europeo 2018 con cinco das seis nominacións ás que optaba na gala de entrega celebrada a pasada fin de semana en Sevilla: mellor filme europeo, mellor dirección, actriz, guión, fotografía e montaxe. Só deixou polo camiño o galardón de mellor actor, que acabou recaendo en Marcello Fonte (Dogman). Un recoñecemento continental ao que se unen outros afamados premios –como o Premio a Mellor Director en Cannes–, e aos que, de seguro, vai seguir optando. Entre eles a pertinente nomeación os Óscars dentro da categoría de Mellor Filme de fala non inglesa.

Cinema maiúsculo no que Pawlikowski contou practicamente co mesmo equipo técnico que o da oscarizada Ida (2013): Jaroslaw Kaminski na montaxe, Marcel Slawinski no deseño de produción, Ola Staszko no deseño de vestiario ou a impecábel dirección de fotografía a cargo dun Lukasz Zal que non agocha a súa predilección por Dreyer e Tarkovski. De feito, a semellanza que máis salta a vista co seu anterior filme apréciase en que tamén foi rodada nun pulcro branco e negro e cun formato de imaxe en 4:3, o que lle proporciona ese cheiro a cinema clásico de sempre.

Contén un comezo bastante curioso e, sen exaxerar, unha das mellores frases finais do que vai de século. Entremedias vai un melodrama dos encontros e desencontros de dous namorados ao longo de diferentes cidades da convulsa Europa dos tempos da Guerra Fría.

A película comeza co son dunha gaita. Malia que non ten nada que ver coa nosa, pois en realidade se trata dunha gaita rudimentaria da Polonia de 1949, o son da mesma, engadido ás sucesivas cancións populares que se cantan a continuación, (todo en polaco, obviamente), non poden evitar unha poderosa evocación do folclore da Galiza. Un marabilloso punto de partida que deixa patente as abraiantes conexións que existen entre as diferentes músicas tradicionais do mundo. Por riba, o protagonista, Wiktor (Tomasz Kot), está a realizar un traballo de recollida polas aldeas máis recónditas do país ao máis puro estilo Dorothé Schubarth, aínda que o fin de Wiktor non é tanto documentar a música tradicional, senón recrutar voces e bailarinas para a súa agrupación folclórica.

Tras unha audición, Wiktor namora ata as trancas de Zula (Joanna Kulig), unha bela campesiña con gran talento para o canto. Zula correspóndelle e pronto inician unha apaixonada e tormentosa relación que se vai ver trastornada unha e outra vez ao longo dos anos por diferentes razóns... razóns que en ningún momento se antollan pretensiosas ou espurias. Pawlikowski inspírase na turbulenta historia de amor que viviron os seus propios pais, aos que vai dedicado o filme. De feito os protagonistas levan o nome de pía de ambos.

Folclore, Jazz e música lixeira fan de fío condutor deste amargo melodrama romántico realizado coa encomiábel intención de honrar aos seus proxenitores pero que, ao final, se acaba convertendo nunha imperecedoira historia universal cunha morea de frases para a posteridade (a do final, por exemplo, é para enmarcar), ademais de contar uns cantos puntos tanxenciais con obras mestras como Casablanca, Doutor Zhivago ou La La Land. Aí é nada...

Cold War

The Children Act

(Polonia-Francia-Reino Unido 2018, 88 min.)

Dirección: Pawel Pawlikowski

Guión: Pawel Pawlikowski, Janusz Glowacki e Piotr Borkowski

Fotografía: Lukasz Zal

Música: Marcin Masecki

Elenco: Joanna Kulig, Tomasz Kot, Agata Kulesza, Borys Szyc, Cédric Kahn, Jeanne Balibar, Adam Woroniwicz, Adam Ferency