XOVES DE COMADRES

Comeza a semana grande do Entroido de Verín

Comeza a semana grande do Entroido de Verín
[Imaxe: Concello de Verín]
[Imaxe: Concello de Verín]  

É Xoves de Comadres e con el comeza a semana grande do Entroido de Verín.


Verín está de festa. Un dos entroidos máis auténticos da Galiza inicia esta quinta feira a súa semana grande. Faino co tradicional Xoves de Comadres onde, a partir das 11.45 horas, as crianzas de Pinocho e da Asociación Tres Reinos da Mezquita; as casas niño de Monterrei, Cualedro e Castrelo do Val; os CEIPs Amaro Refojo, Princesa de España, Castrelo do Val, Rodolfo Núñez de Vilardevós, Vendas da Barreira, Augusto Assia da Mezquita, Medeiros, Colexio Rural Agrupado Monterrei, Colexio María Inmaculada e da iniciativa Kero Kolo percorrerán as rúas máis céntricas no Desfile Infantil de Entroido.  Contará coa música da Banda de Gaitas do Concello de Verín e das charangas Támega, Vakapinta, Mil9, A Chicoria, Terra de Trives e Alambique.

Pola noite, como marca a tradición, é a quenda das mulleres. Tras as tradicionais ceas das comadres, amenizadas polas charangas TámegaVakapinta, Mil9, Europa e Terra de Trives, dirixiranse á Casa de Escudo, no barrio de San Lázaro, onde, sobre a 00.30, partirá a procesión.

Xa pasada a medianoite na praza Maior estarán animando as Discomóbiles Enjoy e Gramola. En San Lázaro, recibirase a comitiva encabezada por Don Carnal, que descenderá polo camiño Real e dirixirase á praza Maior, onde continuará a festa.

Todo o entroido

O sábado de entroido terá lugar o Bautizo do Cigarrón, que partirá ás 17 horas desde a praza do Concello á praza da Mercé, mentres que o domingo decorrerá o Domingo Gordo, o día da festa por antonomasia e na segunda feira celebrarase o Día da Farelada. O martes de entroido é outra das datas marcadas no calendario de entroido en Verín, que conclúe a semana grande de festa o domingo 10 de marzo, Domingo de Piñata.



x