UN VOLUME RECOLLE CONTOS DO OBRADOIRO LITERARIO DE RIANXO

Como escribir a seis mans

Como escribir a seis mans
Escultura de Castelao en Rianxo. Foto: cedida.
Escultura de Castelao en Rianxo. Foto: cedida.  

A man do escritor Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1968) dirixiu, entre setembro e outubro do pasado ano, un obradoiro de creación literaria en Rianxo. O resultado tanxíbel chámase Liñas compartidas e colleita textos de 22 autoras e autores que participaron na iniciativa. Algunhas das narracións escritas a seis mans.


“O oficio da escrita pode aprenderse, o que non se pode aprender é o talento, que só se pode alimentar”, abre Riveiro Coello o limiar do volume, publicado por Toxosoutos co apoio das tres institucións organizadoras: a Asociación de Escritoras en Lingua Galega, o Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña.liñas compartidas varias voces

O aparente paradoxo co que autor abre a compilación é corrixido por el mesmo apenas unhas liñas máis abaixo. Pois malia admitir que “non existe unha regra para crear unha grande obra de ficción” si “hai trucos do oficio que se poden aprender”. Aínda que non sempre “ofrezan o mesmo resultado”.

Algún deles serviu as novas narradoras para exceder “a vertixe, os atrancos, as incertezas, as dúbidas” que, explica Riveiro Coello, asaltan á que se enfronta á folla en branco. De feito, só un feito incuestionábel, di, explica o traballo literario: “Non resulta doado concibir un escritor se detrás non hai un gran lector”.

As máis de 400 páxinas de Liñas compartidas, “resultado dunha fermosa experiencia colectiva”, acollen relatos individuais e “relatos comunais, enfiados por media ducia de participantes que compartiron ideas e argumentos, alternando capítulos até un final pactado”. Son catro contos redactados cada un por seis mans diferentes: Alén dos Alén, Mar de papel enxurrado, O can de Caín e O viaxeiro das estrelas.

En calquera caso, o obradoiro literaro de Riveiro Coello non despexou a máxima que o escritor, creador de novelas de referencia como As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000) ou Laura no deserto (Galaxia, 2011), expón no citado prólogo: “E por moita experiencia que un teña na escrita, por moitas obras que un publicase, cada novo texto volve situalo no punto de partida”.

Velaquí as participantes en Liñas compartidas: Aida Barros, Ana Belén Noya, Antón Núñez, Begoña Miguéns, Carlos Descalzo, Carme Toba, Carmen de Milmanda, Iria Figueira, Luís Miguel Ramos, Marina Losada, Mauricia Ces, Moisés Suárez, Mónica González, Natividad Rey, Nela Valado, Noelia Toledano, Óscar Reboiras, Pepa Martínez, Ramiro Ouviña, Rebeca Viturro, Rita Sánchez e Uxía Otero.