ENTREVISTAMOS FERNANDO FERNÁNDEZ REGO

"Cómpre un Día das Letras Galegas para a música popular"

"Cómpre un Día das Letras Galegas para a música popular"
[Imaxe: Patricia Maroñas] Fernando Fernández Rego
[Imaxe: Patricia Maroñas] Fernando Fernández Rego  

O adxectivo monumental inventouse para obras como Unha historia da música en Galicia. 1952-2018. Case 900 páxinas, ateigadas de ilustracións maiormente descoñecidas, percorren as declinacións do pop galego desde as orquestras pioneiras na fusión tropical á autoxestión underground de raíz punk, do bravú e os inicios da normalización do galego na escena e o ignoto yeyé dos 60 con epicentro en Ourense e Vigo. Malia algunhas inevitábeis ausencias, o libro do crítico Fernando Fernández Rego (Ferrol, 1979) conforma un primeiro esforzo sistemático, e memorábel, por elaborar este relato. De camiño rescata a memoria de innúmeros artistas e bandas, e amosa a frondosidade, o pluralismo, a ousadía e a inexplorada riqueza da música moderna na Galiza. Eis un extracto do semanario en papel Sermos Galiza, número 354.


m7_FS_EntrevistaPor que comezou a súa investigación no ano 1952?

A idea era comezar coas orquestras, que na Galiza é un tema brutal. Cando se fala dos Celtas ou dos Trobadores, por exemplo, flípame a conexión co Fogar Galego de Venezuela e como realmente importan os ritmos tropicais. Eu móvome moito por descoñecemento. Preguntábame: “Que música se facía na Galiza dos 50?”. E investiguei. 1952 en concreto é porque nese ano se fundan Los Zafiros de Ferrol. Naquela década hai tres grandes grupos: Los Tamara nacen en Noia no 58, Los Españoles nacen en Pontevedra a mediados dos 50 e non tiñan sede fixa, e Los Zafiros.

Esas orquestras xa introducían rock & roll no repertorio?

Tocaban tango, tocaban mambo, Los Zafiros música mexicana –huapango– ou tipo rondalla. Mais todos eles achegáronse nalgún intre ao pop. Los Zafiros teñen un disco xa no 68, Torremolinos –colleunos o Ministerio de Turismo de Franco para dar imaxe moderna– que si é rock. Los Tamara teñen discos soul. E Los Españoles, que para min é o grupo máis flipante desta etapa, foi o primeiro grupo que se achegou ao galego.

Cun EP en portugués, segundo relata no libro.

Si, porque estiveron contratados nun hotel en Mozambique e metéronse a facer versións de música local. Ese EP é do 59, en Polydor. Á parte, editaron discos en Irán, en Australia, en Xapón... Tocaron nas Olimpíadas do 64 con The Platters e din que os recibiron 200 fotógrafos. Foron grupo residente en Alemaña no Savoy. Cóntase que tocaban tan ben que en directo moitas veces tiñan que parar para demostrar que non era playback. Esa xente estaba tocando oito horas ao día e era unha brutalidade o nivel de complementación que tiñan.

Só analiza exemplos concretos do folk. De hip hop só aparecen os proxectos de Hevi –Malandrómeda, Fluzo–. Como estabeleceu o campo de estudo de Unha historia da música en Galicia?

Metín Malandrómeda e Fluzo porque son o menos hip hop do hip hop. Lémbrame Resentidos, a música electrónica... E pasoume como coa música tradicional. Podía meter Dios Ke Te Crew, Wöyza, El Puto Coke... Pero é outra escena, é outro mundo, evidentemente non tan grande como o da música folk. Pasaríame como coa electrónica, só metín os máis pop ou indietrónica, 6PM, Carlos Ordóñez... Deixei fóra escenas puras. Por economía, porque o libro xa é un tixolo impresionante. Puxen esas lindes: o folk tradicional e a electrónica e hip hop. Estudei sobre todo pop rock. No folk dos 70 si me metín, porque bebe moito do rock progresivo e do jazz rock: Emilio Cao, que acaba tirando practicamente polo pop, ou Doa, un pouco máis accesíbel. Non me quixen meter coa música tradicional. É unha materia pendente, unha historia do folk e da música tradicional que ao mellor comece con Alan Lomax. Mais era inxusto facer unha selección de tres ou catro grupos e deixar outros fóra. Non hai unha historia global do folk ou da música tradicional pero tampouco antes da súa sobre o pop. Xa. Eu utilicei toda a bibliografía dispoñíbel. Pero libros importantes está o de Vigo yeyé [Crónicas de un Vigo ye-yé (Instituto de Estudos Vigueses, 2008), de Fernando Ferreira], moi bo. E o do bravú de Xavier Valiño [Rock bravú. A paixón que queima o peito (Xerais, 1999)], máis que nada para documentar aspectos concretos. Utilicei o de Diplomáticos de Rodri Suárez [Non temos medo! Historia oral dos Diplomáticos de Monte Alto (Nicetrip, 2014)] porque é un libro que cobre moi ben todo o grupo. Pero non había unha obra xeral, só Rock & Grelos? (Lea, 1996), de Alberto Casal, un pouco desestruturada.

Por que non se fixo este traballo até agora?

Dar deu tempo, porque o pop na Galiza funciona desde finais dos 50. É rechamante. Houbo xente que non se atreveu a facelo. Eu púxenlle “unha” historia, a miña, e gustaríame que houbese máis. Porque na música galega faltan relato e cronistas.

E hai bandas moi mal interpretadas. Ou movementos, como o bravú, por exemplo.

Si, o bravú é un dos capítulos máis extensos do libro, 100 páxinas. Foi moi mal entendido. No capítulo que lle dedico póñolle todas as etiquetas –rock de batea, rock irmandiño– porque, quitados tres ou catro grupos, moitos refugaron del. Hai quen fala moi mal e di que só beneficiou a Xurxo Souto e Os Diplomáticos e ao mellor a Herdeiros, que logo baixaron do tren. Eu vexo un movemento bonito. Non é un estilo musical, pero é quizais o único movemento que deu a cultura galega ao mundo musical. Non tanto aquilo de que as guitarras eléctricas chegaron ás aldeas, porque, como dicía Bocixa de Zënzar, el tivera unha eléctrica na casa antes que a neveira. E coas orquestras había eléctricas nas aldeas tamén. Pero o bravú si foi importante. Moita xente colleu a guitarra impulsada polo bravú, polo Xabarín. Iso é o importante desa escena, e se non se relata parece que non pasou.

[Podes ler a información íntegra no número 354 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]