O Concello de Ourense deixa caer o Outono Fotográfico despois de 36 edicións

O Concello de Ourense deixa caer o Outono Fotográfico despois de 36 edicións
Exposición de Outono Fotográfico. Foto: cedida.
Exposición de Outono Fotográfico. Foto: cedida.  

Era, sen dúbida, un dos acontecementos culturais máis emblemáticos da cidade. O único festival de imaxe contemporánea no país. Trinta e seis edicións despois do seu inicio da man do coñecido activista cultural Benito Losada, o Concello de Ourense deixa caer o Outono Fotográfico.
 


“Queren castigar a cultura que crea pensamento crítico e non é de consumo rápido”, explica a Semos Galiza o director artístico do encontro, Vítor Nieves. O concello, o único das sete cidades gobernado polo Partido Popular, escúdase en problemas burocráticos. Como xa fixo a respecto do Festival Internacional de Cinema, outro veterano evento cultural liquidado pola corporación de Jesús Vázquez.

O Outono Fotográfico naceu en 1982. Ate 2017, programou 1.245 exposicións individuais, 740 colectivas, ofreceu obradoiros e traballos de máis de 6.000 fotógrafas e fotógrafos e levou a fotografía a máis de 25 cidades de Galiza e Portugal -a súa aposta pola internacionalización data de 2011. O seu impulsor, Benito Losada, morreu ese ano. Os seus colaboradores asumiron a dirección, con Xosé Lois Vázquez á cabeza. “Foi xusto cando a Deputación de Ourense retirou o seu apoio”, indica Nieves, “a nosa relación coas administracións do PP foi moi hostil”.

O festival de fotografía traballaba cada edición sen a seguridade de se habería apoio institucional abondo para a seguinte. “Asinabamos os convenios en outubro ou novembro, cando empezaba o Outono”, sinala. Mais en 2017, o último e de momento tamén o derradeiro, todo se torceu. Os impagos do Concello de Ourense a provedores, derivados da negativa de achegar os 9.000 euros comprometidos sobre un orzamento total de 24.000, e que provocaron, por caso, que non se publique o tradicional catálogo da mostra, acelerárono.

A corporación argumenta en base á “nova Lei de Contratos, que condiciona a colaboración ate agora mantida co Ourense Fotográfico e vela por que a Administración non beneficie a uns en detrimento de outros”. Tamén afirma que “ofreceu solucións á organización, que pasan polas subvencións en concorrencia directa”.

“Durante todo este ano mantivemos ducias de xuntanzas co concello”, explica Vítor Nieves, “e cada vez había unha escusa diferente e absoluta opacidade informativa. Ademais, estaba o problema coa técnica de cultura, que o imposibilitaba todo”. Segundo o responsábel artístico do encontro, esta chegou a afirmar que Ourense non precisaba dun festival de fotografía contemporánea. A lexislación xa foi empregada polo Goberno local ourensán para xustificar a supresión do certame cinematográfico.

En todo caso, Vítor Nieves rebate as “varias opcións” -tres en concreto- ofertadas polo concello na pasada segunda feira. Ás subvencións por concorrencia -da Concellaría de Cultura ou da de Xuventude- non chegarían a tempo para preparar a edición de 2018. Normalmente comezan en xaneiro. “Ademais, aínda temos que pechar a de 2017 e pagar as débedas producidas pola actitude do concello”, di.

A terceira das posibilidades indígnao: a cesión ao Concello de Ourense da “marca”. “Non somos unha marca como a Coca Cola”, aduce, “iso é un desprezo. Somos un festival completamente independente, organizado por unha asociación cultural. Podemos traballar de balde se é para a sociedade e non para un determinado partido no poder”.

Nieves lembra a maiores que o Executivo de Jesús Vázquez traballa con orzamentos prorrogados -desde 2015, non foi quen de aprobar en pleno as súas contas- e nestes figuran 9.000 euros para o Outono Fotográfico. “Queremos que a oposición fiscalice en que se gastaron estes cartos”, afirma.

O director artístico do festival insiste en que é consciente da imposibilidade de realizar, a estas alturas, a edición de 2018. “Pero queremos pagar as débedas”, conclúe, “porque non é que falten cartos para cultura. Ben que os hai para traer a [orquestra] Panorama ou para encontros de 'jóvenes emprendedores' en La Molinera da Deputación”.



x