Un concurso musical infantil da man da Deputación da Coruña


Un concurso musical infantil da man da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña vén de poñer en marcha 'Quero cantar', un concurso musical para grupos musicais de nenos e nenas de ata 12 anos.

O I concurso musical infantil “Quero Cantar” busca animar a nenos e nenas de menos de 12 anos a usar a nosa lingua a través da música nunha competición que se desenvolverá en tres fases e rematará no mes de maio cunha gala que terá lugar no Teatro Colón da Coruña.
 
“Queremos animar a rapaces e rapazas a que mostren a súa creatividade e promover, de xeito lúdico, o uso da nosa lingua”, explicou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura na Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín que agarda que “Quero cantar” promova a creación de bandas musicais de pequenos e pequenas por medio deste novo concurso que bota xa a andar.
 
Do día 15 de xaneiro a 15 de abril está aberto o prazo para a presentación de solicitudes para participar en “Quero cantar”. Poderán inscribirse grupos musicais formados por un máximo de dez persoas, das cales cando menos a voz ou voces solistas ou as participantes de ser coral a agrupación deben ter menos de 12 anos de idade. As cancións terán que estar en galego e os grupos deberán enviar unha maqueta en formato audiovisual ou só audio con música orixinal e inédita que non fora difundida. As solicitudes , acompañadas da documentación composta pola relación de compoñentes, descrición das necesidades técnicas, biografía do grupo e aceptación das bases e cesión dos dereitos da imaxes, remitiranse ao correo electrónico [email protected] ou entregaranse no Rexistro Xeral da Deputación.
 
“Estamos a vivir un momento extraordinario da música feita para crianzas na nosa lingua. Son moitas as propostas de músicas e músicos que decidiron dirixirse ao público infantil coas súas composicións e en cada concerto comprobamos que as cancións son xeniais instrumentos para a normalización da nosa lingua”, sinala Goretti Sanmartín para quen 'Quero Cantar' pode formar parte deste novo tempo para a canción en galego destinada a nenos e nenas, neste caso na súa propia voz.
 
As dez propostas mellor clasificadas gravarán en estudio a súa canción que será editada no CD Quero Cantar 16. Un xurado designado pola Deputación realizará a primeira selección das maquetas e será unha votación pública a través da rede Facebook, que se desenvolverá dos días 18 a 22 de abril , quen decida as dez propostas que formarán parte do disco que se editará tras o concurso. As cinco máis valoradas pasarán á fase final que será a gala do Teatro Colón da Coruña na que cada unha das agrupacións interpretará en directo a súa canción.  Cada grupo recibirá 200 € en concepto de desprazamento.
 
Os tres grupos gañadores recibirán 300, 200 e 100 € en material musical o primeiro, segundo e terceiro clasificado. O que quede no primeiro posto terá oportunidade de gravar un videoclip da canción gañadora. Poden consultar as bases nesta ligazón.